En Marea trasladará ao vindeiro pleno a súa preocupación ante o desleixo e total abandono da lingua e cultura do noso país por parte do Partido Popular

O grupo parlamentario preguntará ao Presidente pola grave perda de galegofalantes e a situación da nosa lingua no ensino e na sociedade en xeral.
Por o 02/05/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea trasladará ao vindeiro pleno a súa preocupación ante o desleixo e total abandono da lingua e cultura do noso país por parte do Partido Popular
Compartir en:

En Marea levará ao vindeiro pleno do Parlamento de Galicia a situación da cultura e da nosa lingua centrando a maior parte das súas iniciativas en denunciar e reclamar unha maior implicación e protección da nosa cultura por parte da Xunta de Galicia. Así o anunciou o portavoz de En Marea, Luís Villares, tras a xunta de portavoces de esta mañá, quen informou dos temas que levará o seu grupo á vindeira sesión plenaria a anterior a celebración ao Día das Letras galegas. Así, En Marea presentará na Cámara a súa primeira proposición de Lei na que se defenderá a necesidade de modificar a Lei de Memoria histórica no punto concreto do Pazo de Meiras para solicitar a recuperación para o público o que foi espoliado ao pobo de Sada e toda a cidadanía galega. “Somos herdeiros dunha historia inxusta e esta pode ser unha boa oportunidade para dar pasos adiante e cambiar esta situación recuperando o Pazo para que se converta nun centro de recuperación da memoria histórica en Galicia“ salientou Villares.

Neste pleno centrado na Cultura por parte de En Marea, a pregunta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, será sobre a súa valoración da grave perda de galegofalantes e a situación da nosa lingua tanto no ensino como na sociedade en xeral. “A situación é dramática sobre todo no sector educativo unha fábrica de destrución de falantes en galego, nun sistema educativo que castelaniza aos que comezan falando en galego“ denunciou o portavoz de En Marea.

En Marea trasladará ao Parlamento así mesmo a súa preocupación pola situación pública das institucións públicas culturais galegas como CGAC, Centro coreográfico galego, CGAI ou CdG. “Despois de nos reunir durante todos estes meses cos representantes concluímos que é preciso dar unha volta pública e denunciar a desatención que están a sufrir“ explicou Luís Villares.

Outro dos temas que levará o grupo parlamentario será a Lei do Libro para que se poña en práctica xa que como sinalou o portavoz “estamos diante dunha boa lei que está sen desenvolver como denuncia o propio sector“.

A situación do noso patrimonio e arte rupestre, En Marea presentará unha proposicion non de Lei na que se pedirá entre outras cuestións acabar coa desprotección actual, ao tempo que se preguntará pola opaca xestión dos orzamentos da Cidade da Cultura.

Fóra xa do ámbito cultural, En Marea defenderá unha moción que ven como consecuencia da interpelación ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, no anterior pleno en relación ao sector da automoción na que reclamou ao grupo parlamentario propostas. “Queren unha alternativa e as propostas de goberno de En Marea para a automoción, pois aquí a teñen“ afirmou Villares que anunciou que no vindeiro pleno o seu grupo presentará unha batería de 20 medidas para a promoción do emprego e sector industrial no ámbito da automoción.

Por último e ante a gravidade dos últimos datos coñecidos sobre a pobreza infantil en Galicia que reflicten un incremento de 7 puntos mentres que no resto do Estado mantense ou redúcese, En Marea interpelará ao Goberno sobre esta cuestión. “Despois de que o Partido Popular rexeitara todas as iniciativas presentadas por En Marea no Parlamento para loitar contra a pobreza infantil, queremos saber que vai facer agora a Xunta de Galicia ante a grave realidade na que se atopa Galicia“ concluíu Villares.

No pleno da vindeira semana, tratarase unha vez máis a solicitude de transferencia da AP-9 sobre a que o portavoz de En Marea asegurou estar “parcialmente satisfeito“ xa que o que reclamaba En Marea era o rescate para o publico desta autoestrada pero “non se puideron dar máis pasos pola negativa do Partido Popular“. Deste xeito, a vindeira semana o pleno da Cámara votará previsiblemente unha vez máis a favor de solicitar a transferencia da xestión da AP-9 para o seu traslado ao Congreso dos deputados para ao seu debate para o que o grupo de En Marea confía non se volvan a repetir os atrancos impostos por parte do PP “aínda que a política de absoluta submisión de Feijóo a Madrid“ fai desconfiar.