En Marea trouxo #OndasDoCambio a Vigo e a Cangas

Luís Villares: “Canto vale a vida e a saúde para a Feijóo? É mellor quedar a ben coa Troika dándolle negocio a uns poucos ou defender a túa xente e evitar que morra na súa casa por falta de medicamentos?”.

Ada Colau: “Nun día en Galicia vin como Feijóo agocha as siglas do PP nos seus carteis. Luís Villares ten a vantaxe de que pode escribir En Marea en xigante, porque é sinónimo de valentía, de dignidade e de compromiso”.

A caravana central de En Marea chegou esta tarde a Vigo e a Cangas. O acto de Vigo contou coa presenza da alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, que pola mañá estivo na Coruña, os tres alcaldes das cidades do cambio, Xosé Manuel Beiras e a n.1 pola provincia, Carmen Santos.

Pola súa banda no mitin de Cangas participaron co candidato á Xunta, a n.1 pola circunscrición Carmen Santos, a n.3  Eva Solla, o n.8 Mariano Abalo e Xosé Manuel Beiras, presentados polo alcalde da vila, Xosé Manuel Pazos.

Luís Villares falou do soño compartido por todos os pobos do Estado e representado hoxe en Vigo por Ada Colau. “Gustariavos ver a Feijóo dando un mitin con Rita Barberá? Custalles deixar a poltrona e non poden presumir de compañeiros cos que comparten fraternidade en forma de sobres. Por iso o candidato do Partido Popular agocha que é do PP. Primeiro pensamos que era un tema de recortes, coma co lema EN MADRID NON ME QUEREN, A VER SE EN GALICIA SI. A min non me custou dar este paso, foi facil ver a necesidade de comprometerse. Dentro da Asociación Xuíces para a Democracia algúns non nos conformabamos con aplicar lei inxustas. Non pode ser que os que non se presentan as eleccións gobernen coma se o fixesen. Puiden ver no xulgado como a Xunta denegaban axudas a dependentes só para cadrar as contas a finais de ano. Que maior miseria ca esa? Por iso estou aquí, para loitar polo que é de todos e nos foi roubado. A historia de Galicia é unha historia de loita. A primeira Marea ten máis de cen anos, foi a Marea das irmandades da Fala. Por iso foi doado meter as mans para sacar o chapapote das rías. O primeiro que faremos cando cheguemos ao Goberno será aprobar un Decreto de garantías mínimas, para que todo o mundo teña un teito e pan que levar á boca, pois aínda que o negue Feijóo segue habendo xente con problemas de alimentación neste país e non pode ser.E a enerxía porque queremos acabar coa pobreza enerxética. E serán dereitos que extenderemos a todo o país, con independencia de onde vivan e a quen voten.”

Ada Colau comezou en catalán agradecendo “por deixarme participar deste momento, tan importante para Galicia pero tamén para o resto do Estado. Estou aquí como Ada, como alcaldesa, como cidadá e como nai para aprender desta terra. Como fixestes historicamente, no Nunca Mäis, apagando lumes, no 15M e agora recuperando as institucións para a xente. E quero trasladarvos un abrazo fraterno do pobo catalán ao pobo galego. Estou aquí para reivindicar que fronte ao centralismos que separa e distancia, estamos para recuperar a fraternidade sinceira dos pobos dende abaixo entre os que compartimos desexos de cambio e liberdade. Non hai que esconder as dificultades, non se cambian reximes históricos en dous días. E neses momentos de cambio hai bloqueos coma o que se produce estes meses no Congreso, que non é inocente, pois é cousa de partidos que se resisten a que se lles acabe o choio. Temos que dicirlles que non nos van cansar nin desgastar, para que deixemos de ir votar. Porque viron que cando o facemos se lles acaba o choio. É momento de erguer a mirada e ver o que estamos construíndo xuntos e xuntas. Rematamos cun réxime bipartidista que parecía que non tería fin. Estes señoritos do PP que sempre nos ridiculizaron cando dixemos que nos iamos presentar ás eleccións dixeronnos que só eles sabían xestionar. Pois ben, levamos máis dun ano nos concellos do cambio e puxemolos en evidencia. Queda o máis importante por facer pero estamos facendo que as institucións nas que gobernamos sexan por fin transparentes. Algo tan sinxelo como facer públicas todas as facturas dun concello. Estamos dicindolles aos señoritos coma Montoro que non aceptamos as políticas de privatizacións e que os servizos públicos son esenciais para a xente. E fronte aos señoritos que nos din que non hai cartos para os sevizos básicos pero tiveron miles de millóns para os rescates bancarios, nos concellos do cambio comezamos por rescatar as persoas. En solo un día aquí vin como os carteis de Feijóo agochan o nome do seu partido por vergoña. E Luís Villares ten unha enorme vantaxe sobre Feijóo, pois ten siglas que non ten que agochar: pode escribir En Marea en xigante porque é sinónimo de valentía, de dignidade e de compromiso. Así que para adiante!”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, inciou o seu discurso lembrando ao ex alcalde da Coruña, Paco Vázquez, “que dicía todo para Coruña e sarna para os demais”. E agradeceu o acollemento en Vigo “sendo alcalde da Coruña. Unha imaxe imposible cos caciques de turno, nesas rivalidades absurdas norte-sur. Ese non é o noso Xogo de Tronos. En Vigo e na Coruña compartimos as mesmas loitas. E a unidade que eles non queren. E por iso practican eses xogos de suxestión colectiva e de mentiras. Agora imoslle dicir en toda Galicia que ASÍ NON. Sr. Feijóo non queremos a súa Galicia. En Marea naceu aquí en Vigo grazas a moita xente, pero nada sería posible sen o traballo de Jorge e Martiño. E está tamén aquí Ada Colau porque é un referente do que queremos construír. Demostrou que se podía amosar a dignidade na trincheira, defender a dignidade da xente.E dende logo, grazas a Luís. Por dar ese paso, por ser valente e solidario. Vas ser o mellor presidente que tivo nunca este país. Estamos todos xuntos porque sabemos que veñamos de onde veñamos, un desafiuzamento é o mesmo aquí, na Coruña, en Santiago, en Ferrol e en Barcelona. A coalición do PP con Barcenas, con Baltar, con Barberá e co Ibex 35 chámase igual aquí ca en Madrid e no resto do Estado. Axitan o caos porque están nerviosos. A marea viva vai traer a Luís Villares á presidencia da Xunta. Porque aquí, en Vigo, en Galicia, como antes foi en Ferrol, Compostela e na Coruña, hai Marea!”

Martiño Noriega, rexedor de Compostela, apelou na súa intervención ao exemplo de poñer por diante o interese común fronte aos intereses e patriotismos de parte. “Beiras é o verdadeiro Rolling Stone, o que da exemplo, o que axita conciencias. Carmen Santos, unha referente da nova política. Os dous tenores que quero como se fosen irmáns, cos que facemos terapia e nos ilusionamos cun país diferentes. Ada Colau, que vén aquí porque a nosa loita é a súa loita. E Luís Villares, que decidiu abandonar a sua meteorica carreira na xudicatura para poñer a súa valentía ao servizo da unidade popular. E hai que agradecerllo e decirlle que nos sentimos orgullosos do futuro presidente deste país. E logo están as suxestións colectivas derivados dos poderes económicos, dende que se saben que poden sentir perigar os seus privilexios. Diante desta situación non dramaticemos: hai un 30% dos votantes que van votar o 25S ao PP. Pero sabemos que hai unha maioría social alternativa que tamén está aí, na pelexa. Todas as cifras do país demostran que nos últimos anos a nosa situación empeorou. Non queremos un lamento o luns 26 de setembro. Hai que mobilizarse e ir votar. Estamos aquí para darlle continuidade a todas as loitas anteriores. O señor Tellado dixo o outro día que eramos os alcaldes do cambio a peor. Para eles, si. Porque todo o que poida ser rendición de contas, remunicipalizacións, rendas sociais básicas, laicidade… para eles é peor pero non para a maioría social. Toca marea alta. Nós levamos nadando nela nestes anos de crise. Toca facer a Luís Villares un digno presidente deste país. Hai Marea. Medre o mar. Marea Alta!”

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, presentouse como vigués de nacemento. “Se nacese hoxe no álvaro Cunqueiro levaría unha tatuaxe de Acciona, pero estou convencido de que Luís Villares vai devolver o público ao público.Nös non chegamos a politica para facer marketing, para darlle a voz aos que non teñen voz. Feijóo, recibido en Plan Mr Marshall nos Peares, e Tellado din que nos representamos o caos. Pero para nós non é ningún caos parar desafiuzamentos, preocuparnos polos problemas da xente. Iso é o que nos trae ata aquí, iso é a xustiza social. Hai uns días entraba no meu despacho de Ferrol unha muller chorando porque ten un fillo discapacitado e ía ser desafiuzada. Entregámoslle unha vivenda a esa persoa para que poida desenvolver a súa vida dignamente. Foi realoxada nun barrio que o PP quería derrubar para entregarlle a unha grande construtora. En Marea como suxeito político e mostra de xenerosidade, onde todos renunciamos a algo, naceu en Vigo o 30 de xullo. E veu para que Luís Villares sexa presidente e para cambialo todo. E será o movemento sociopolítico que cambie na próxima década a forma de facer política neste país. Hai Marea!”

Xosé Manuel Beiras chanceou coa promesa “del niño de los Peares, que dixo que se gañaba as eleccións convidaba a todos a café”. “O naval leva en Vigo loitando 30 anos, e os labregos igual, defendendo o que a brigada de exterminio xunto con Merkel e a troika queren converter en ermo. Eu seguirei loitando mentres viva. Na sociedade civil e nas institucións, onde o meu tempo xa pasou, é o turno de Villares. Debedes difundir a batalla política en que estamos de cara ao 25S ten como cerne un combate moral. Fronte ao máis ruin da condición humana estamos os que apostamos pola nobreza e a dignidade, como pobo e como clase”

A cabeza de lista por Pontevedra, Carmen Santos, comezou dicindo que “os poderes que están agazapados detrás do PP teñen terror a perder o goberno da Xunta”. “Estamos para devolverlle a dignidade á Xunta e a nós mesmas. Na Galicia de hoxe a xente vive moito peor ca hai oito anos. Tenta amasar unha Galicia que non existe, empregando os medios públicos para manipularnos. Tamén nos deixou ducias de imputados. Imos impulsar unha lei galega de lobbies para que nunca máis os intereses das empresas estean por riba dos da cidadanía. Dende En Marea rescataremos o Hospital Álvaro Cunqueiros, porque cremos nunha sanidade 100% pública. Temos a forza da xente e compañeiros que cren no camiño compartido para mudalo todo. A Galicia libre de corrupción, xusta e para a xente, está ao noso alcance. O único xeito de acadala é votando a En Marea. E temos a Luís, un candidato avalado por 9 mil persoas. Hai Marea!”

Noticias de última hora en Vigo

ada colaualcaldes cambioalcaldes rebeldesen mareaen marea cangasen marea vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM