En Marea urxe ao goberno a solucionar o problema nas pensións de mariñeiros de altura

Alexandra Fernández critica que se vulnere un dereito social destes mariñeiros “ven como 25 anos de actividade nun palangreiro do Pacífico non lles suma 10 anos de cotización, senón que tan só lles reporta 6,5 anos”.
Publicado por o día 25/11/2016 na sección de Emprego,En Marea,Política,Vigo

En Marea urxe ao goberno a solucionar o problema nas pensións de mariñeiros de altura

A portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, presentou no Congreso unha iniciativa parlamentar na que urxe ao Ministerio de Fomento (Mariña Mercante) a anular ou modificar a norma que está a xerar graves problemas nos coeficientes reductores de mariñeiros de palangre e de arrastre embarcados en barcos de altura.

Explica a deputada de En Marea que mariñeiros de case 500 barcos palangreiros e arrastreiros conxeladores do estado, a maior parte deles de Galiza (o 91% dos buques afectados son galegos), ven vulnerado o seu dereito a poder xubilarse con antelación debido a un cambio na clasificación do que se consideran barcos conxeladores, e que ten a súa orixe nunha norma interna da Mariña Mercante.

Os cambios propiciados pola Mariña Mercante prexudicou aos seus coeficientes reductores que pasaron do 0,40 ao 0,30, co cal se lles exixe que alonguen a súa vida laboral catro anos máis cando tiñan recoñecido o dereito a se beneficiar do 0,40 dos coeficientes reductores.

Este cambio obrígalles a traballar catro anos máis para poder xubilarse

Alexandra Fernández pón de manifestó que “as especiais características de penosidade da actividade destes traballadores do mar converteunos en beneficiarios dos COES do 0,40. É un dereito social que debe ser respectado” e traslada ao Goberno o malestar dos mariñerios que ven conculcado un dereito claramente recoñecido polo ISM debido ás duras condicións laborais en alta mar”.

Traballadores que “ven como 25 anos de actividade nun palangreiro do Pacífico non lles suma 10 anos de cotización, senón tan só lles reporta 6,5 anos”.

A parlamentar de En Marea critica asemade a falla de información do ISM que se limitou a alegar ao colectivo afectado “erros administrativos”, sen dar maiores explicacións. E pola súa parte, a Mariña Mercante limítase a lavarse as máns argumentando que a súa norma interna obedece a unha normativa comunitaria en tramitación: o Regulamento sobre o Rexistro da frota pesqueira da UE.

Alexandra Fernández considera que “independentemente da procedencia do problema, é urxente que o Goberno solucione esta situación e que garanta o mantemento dos coeficientes reductores do 0,40 aos mariñeiros afectados, sen recortes nas súas pensións”. A deputada de En Marea dirixe ao Executivo unha batería de preguntas para que se aporte información clara e transparente, e sobre todo, para que se solvente canto antes un tema que produciu unha enorme inquedanza entre os traballadores do mar”.