En Marea urxe a rachar “co actual modelo enerxético, un negocio especulativo en mans de multinacionais”

Publicado por o día 25/08/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea urxe a rachar “co actual modelo enerxético, un negocio especulativo en mans de multinacionais”

A voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, presentou esta mañá en rolda de prensa, acompañada polo enxeñeiro José Bembibre, as iniciativas que En Marea rexistrou na cámara Baixa relativas á rede de distribución enerxética no Estado e a importancia de que a mesma sexa de titularidade pública.

Díaz denunciou o “actual modelo enerxético, un negocio especulativo que está en mans de cinco grandes multinacionais que están a expoliar dereitos fundamentais das persoas a través da enerxía”.

A voceira de En Marea puxo de manifestou a anómala situación que este respecto existe, xa que se lle permite a estas cinco empresas controlen todos os procesos da enerxía, como son a distribución, producción e comercialización da mesma.

En Marea plantexa, como alternativa a actual situación, que o Goberno adopte medidas legais para que sexa o Estado quen controle a rede de distribución da enerxía, cunha participación non inferior ao 20%, e a través da SEPI, na propiedade e xestión desta rede, e que así o Estado sexa director na toma de decións nas políticas públicas que teñen que ver coa distribución da electricidade.

A deputada destacou que con esta iniciativa, “estamos a atacar de cheo un sistema que é un auténtico espolio e un enorme negocio para as grandes multinacionais da enerxía, defendendo a democratización da enerxía, avanzando en fórmulas de producción local.

Díaz fixo fincapé que nun país como Galicia, no que o rural é o noso sinal de identidade e no que a dispersión xeográfica acada niveis mais que relevantes, a participación pública na rede a distribución da enerxía é vital para o nosos desenvolvemento, avanzando en fórmulas que teñan que ver con producción de carácter local, como xa sucede na gran maioría dos países europeos.

Neste senso tamén se manifestou o enxeñeiro e colaborador de En Marea en materia de enerxía, José Bembibre, quen sinalou que debemos “camiñar cara un sistema similar ao aprobado recentemente en Holanda, que coa súa Lei (2006) sobre xestión independente de redes, impide que os xestores de redes de distribución de electricidade e gas estén en mans privadas e prohíbe que os xestores destas redes manteñan vencellos con empresas que xeran, suministran ou comercializan electricidade ou gas nos Países Baixos ou que desenvolvan outras actividades alleas á xestión da rede”, polo que é unha referencia legal á hora de propor a participación do Estado na propiedade e xestión das empresas de distribución de enerxía eléctrica.

A voceira de En Marea no Congreso confirmou que a Proposición non de Lei presentada esta mañá en rolda de prensa debatirase no Congreso no vindeiro período de sesións que comeza en setembro.

En Marea pretende denunciar o que se agocha tras o negocio da distribución da enerxía, e rachar co monopolio que supón na actualidade este sistema.

“Estamos a falar de dereitos fundamentais da cidadanía, temos que cambiar o modelo enerxético actual e temos capacidade para defender un modelo horizontal fronte ao actual modelo xerarquizado”, salientou Yolanda Díaz, quen sinalou que “somos conscientes de que as grandes multinacionais pelexarán na defensa dos seus intereses altamente especulativos no debate e toma de decisión a respecto desta iniciativa.

A Proposición non de Lei de En Marea insta ao así, ao Goberno a presentar unha reforma da Lei do Sector Eléctrico para modificar o réxime de propiedade das empresas distribuidoras equiparándoo ao do transportista Red Eléctrica de España S.A., establecendo unha participación da Sociedad Estatal de Participacións Industriais (SEPI) no capital destas empresas non inferior ao 20 por cento.

Ademais, En Marea esixe establecer os mecanismos e procesos necesarios para acadar a nova estructura de propiedade proposta considerando, entre outros, a cesión gratuita de infraestructuras ás empresas distribuidoras de referencia da zona, e o estado físico das redes de distribución e a súa relación coa calidade do servizo.