Marea vai pedir a ampliación do servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Vigo

MOCIÓN PARA SOLICITAR A AMPLIACIÓN DO SERVIZO DE SALVAMENTO E SOCORRISMO NAS PRAIAS DE VIGO
Por o 17/04/2019 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea vai pedir a ampliación do servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Vigo

MOCIÓN PARA SOLICITAR A AMPLIACIÓN DO SERVIZO DE SALVAMENTO E SOCORRISMO NAS PRAIAS DE VIGO

Vigo, que conta con algúns dos areais costeiros máis importantes do Estado Español, ten actualmente nove deles coa distinción de BANDEIRA AZUL, galardón que outorga a Fundación Europea de Educación Ambiental e que obriga subsidiariamente a contar con servizos esenciais entre os que destacan o de salvamento e socorrismo. Estes servizos teñen que dar a maior cobertura posible no tempo.

Actualmente, o Servizo de Salvamento e Socorrismo do Concello de Vigo cubre dez praias da cidade cun calendario de cobertura dende o 15 de xuño ate o 15 de setembro. É un Servizo municipal que está externalizado e rexido polo prego concesional e outorgando á empresa MOVE Servizos de Ocio. O servizo é actualmente un dos máis completos dos municipios galegos grazas á profesionalización que dende a Administración se potencia dende hai xa varios anos. Cada ano vai cobrando máis relevancia véndose na obriga de realizar cada vez máis intervencións. O pasado verán contabilizáronse 4329 intervencións e 60 evacuacións a centros hospitalarios (dúas cada tres días).

As praias da nosa cidade reciben cada ano máis e máis persoas usuarias, ademais de vigueses e viguesas, son cada vez máis os turistas que enchen as nosas praias durante os meses de verán. Vigo é a cidade de España onde máis tarde finaliza o verán e onde é un feito o incremento dos días estivais. Temos que ter en conta en conta polo tanto que, cada vez máis, as nosas praias énchense tanto de veciños e veciñas como de turistas que visitan a nosa cidade e as nosas costas durante máis días e, en consecuencia, o servizo de Salvamento e Socorrismo debe ir acorde á realidade.

Por exemplo, nas praias da Comunidade Autónoma andaluza, onde a xestión do servizo depende dos concellos, todos os servizos de salvamento e socorrismo superan os tempos de Vigo; en Cádiz, o servizo ten unha duración de catro meses, dende o 1 de xuño ao 30 de setembro, garantindo a vixilancia das praias durante máis tempo.

En Almería, por exemplo, o servizo tamén arranca o 1 de xuño e remata o 30 de setembro, prolongándose os fines de semana de todo o mes de outubro. Nas praias do Concello de Vélez-Málaga, o servizo prolóngase tamén ata finais do mes de setembro, cunha duración total de 4 meses. En Valencia, en 2018, xa contaron cun Servizo extraordinario os fines de semana de maio, arrancando a tempada “oficial” a comezos de xuño (o día 3).

Así mesmo, en Vigo, as piscinas públicas de Samil están abertas dende o mes de abril e contan con 12 socorristas, cun servizo que comeza dous meses e medio antes que o das praias do Concello.

Dada a importancia dun servizo público como o de Salvamento e Socorrismo e cos datos que amosan que cada vez se acude ás nosas praias durante máis tempo polo incremento de días de verán, entendemos como unha necesidade pública e de lóxica a ampliación do citado servizo, pasando dos tres aos catro meses, garantindo así a prevención e a atención das persoas usuarias das praias da nosa cidade.

Polo exposto, o Grupo municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes:

ACORDOS:

O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a tramitar a ampliación do servizo de salvamento e socorrismo cando menos do 1 de xuño ao 30 de setembro e as fines de semana durante os meses posteriores de existir afluencias notables de bañistas aos areais vigueses

O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local e aos servizos relacionados a realizar un estudo das necesidades económicas e de modificación de prego necesarias para tal fin.

Comentar noticia

Your email address will not be published.