Marea de Vigo acusa a promotores de Porto Cabral e directiva da Comunidade de Montes de mentir na campaña de recollida de sinaturas

Publicado por o día 20/09/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo acusa a promotores de Porto Cabral e directiva da Comunidade de Montes de mentir na campaña de recollida de sinaturas

Para a Marea de Vigo, é un insulto ao sentido común e á realidade o tratar un centro comercial ao mesmo nivel que un hospital ou unha universidade en canto á defensa destes entes como de “excepcional interese público”.

Baixo esta afirmación e a premisa da creación de máis de 4000 postos de traballo, directiva de comunidade de montes de Cabral e empresa promotora (supostamente, porque ninguén asina o panfleto) levan máis dun mes recollendo sinaturas en diversos lugares por toda a cidade. “No propio panfleto se presentan incluso fotos de empresas que se asentarían no macro centro comercial, cando non existe certeza algunha sobre iso” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

“As persoas que están detrás da campaña están facendo unha interpretación interesada sobre o que suporía a construción deste macro centro comercial e de ocio, conseguindo sinaturas que vinculan a unha PNL que non conta polo de agora con ningún partido político para a súa defensa” afirma Rubén Pérez.

Para que chegue a presentarse a PNL, é necesaria a defensa da mesma por parte dun Grupo parlamentario, defensa que, a día de hoxe non existe por parte de ningún grupo político con presencia no Parlamento galego, e dicir, pode chegar a non presentarse xamais.

Por outra banda, a Marea de Vigo estivo traballando nos últimos meses co Grupo Parlamentario de En Marea cara a presentación dunha PNL no Parlamento galego, na que, entre os seus acordos, se pide a garantía de que o ámbito de Liñeiriños quede fóra dunha futura cualificación que permita a súa transformación e se considere o seu carácter de reserva forestal, xunto coa aplicación exhaustiva da Lei de Montes Veciñais en man común sobre o Monte de Cabral evitando así que se poidan cometer fraudes nos usos permitidos. Ademais se insta ao Concello de Vigo a acordar unha moratoria sobre calquera solicitude de licenza para a construción de centros comerciais que se presente no Concello de Vigo.