Marea de Vigo celebrou xornada sobre pobreza, vivenda e xustiza social

O Grupo Municipal da Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción para a creación dun Plan contra a pobreza no cal todas as administracións deben comprometerse á colaboración real para a súa eficacia e o cumprimento das proporcións de persoal na área de Benestar Social no Concello de Vigo.
Publicado por o día 23/04/2017 na sección de Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo celebrou xornada sobre pobreza, vivenda e xustiza social

A xornada inicouse cunha primeira mesa redonda na que participaron a Concelleira da Marea de Vigo Marga L. Barreiro, o activista Social Antón Bouzas e o sociólogo Santiago Avión, onde se fixo unha radiografía da situación que se está vivindo na nosa cidade, e a resposta que se está dando por parte da institución local.

Santiago Avión fixo unha análise sobre a realidade que existe coa vivenda baleira e as alternativas que se poden levar a cabo na nosa cidade. “Sendo o número de vivenda baleira achego a 20.000, soamente un 3% está en condicións de ser habitado de xeito inmediato, polo que é esencial investir na recuperación destes espazos por enriba da nova construción” destacou o sociólogo.

Antón Bouzas e a concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Marga L. Barreiro, centraron as súas intervencións na situación das persoas empobrecidas e o aumento destes datos durante os últimos anos, así como a realidade que derivan desta situación en Vigo e Galicia e a resposta que se lle está dando desde os Servizos Sociais da nosa cidade.

En concreto, Marga L. Barreiro aportou os datos sobre as partidas orzamentarias no Concello de Vigo destinadas a Política Social e o seu uso, sendo estas “practicamente as mesmas que en anos anteriores, e, no que atinxe ás partidas nas que o Concello pode actuar de forma directa, como as que son en materia de de axuda ás familias, tampouco houbo incrementos, cando estamos falando dun Concello que conta cun orzamento de 233 millóns de euros, e deixa sen executar máis de 50 millóns”. Xunto a isto, fíxose especial fincapé na situación da atención dos Servizos Sociais, en canto a acumulación de traballo froito do aumento dos datos de pobreza na nosa cidade. Os feitos, segundo Marga L. Barreiro son que !”o número de peticións de axudas sociais aumentou exponencialmente e os Servizos Sociais do Concello de Vigo non están adaptados a esta realidade, resolvéndose expedientes de axudas, en moitos casos, con mais de 5 meses de atraso. Un exemplo disto é o feito de que, en base ao decreto 99/2012, que di que nunha cidade como Vigo tiña que haber 35 traballadoras sociais, hai 17.”

Na segunda mesa redonda seguiuse profundando sobre pobreza, vivenda e xustiza social, neste caso coa colaboración da activista da Rede de Solidariedade Popular (RSP) Elisa Pérez Lorenzo, o vicevoceiro do Grupo Parlamentar de En Marea Antón Sánchez, e o economista e escritor Xabier P. Dávila.

Elisa Pérez fixo un percorrido pola traxectoria da RSP de Vigo, onde se dan servizos como alimentos, asesoramento xurídico, psicolóxico, así como apoio pedagóxico e educativo para as e os nenas/os das familias que así o precisen, dentro dos principios da solidariedade, xa que, en palabras de Elisa, “na RSP cremos na Solidariedade como contraposición á caridade, xa que a caridade establece e potencia relacións verticais entre as persoas e a solidariedade o que establece e horizontalidade e igualdade, ademais dun compromiso de participación directa entre todas e todos no eido da rede”.

En canto á intervención de Antón Sánchez, este fixo unha análise sobre as políticas que se están levando a cabo desde a Xunta, así como as medidas e cambios que se deben tomar para combater a situación de pobreza e os problemas de vivenda que viven cada día máis persoas do pais.

Antón Sánchez sinalou que “É necesario tomar medidas como unha restrición severa da especulación urbanística, restrinxindo así a expansión como modelo de construción. Limitar os prezos do aluguer privado e incidir nunha política fiscal para gravar as vivendas baleiras son parte da solución. Isto non acontece agora posto que non existe enfoque de integración social á hora de elaboración de política social e de vivenda.” Para todo isto, destaca Antón Sánchez, “ten que existir unha coordinación real entre concellos e Xunta para o desenvolvemento de ferramentas, mais aló dos programas actuais de alugueiro social, que ven sendo unha esmola, non unha solución”. Engadiu tamén exemplos como o concello de Barcelona, no que se están levando a cabo interesantes programas enfocados no dereito á vivenda, dignos de tomalos en conta como exemplo.

Por último, interveu o economista Xabier P. Dávila, que incidiu na importancia das políticas públicas como ferramentas “extraordinariamente eficaces para combater a pobreza”, tal e como se está facendo por exemplo en Dinamarca.
Dentro deste concepto, destacou o efecto que fixeron as reformas laborais, as cales, segundo Xabier Dávila, “provocaron que hoxe, na Galiza, as traballadoras sexan dous mil millóns de euros máis pobres. Estas políticas laborais forman parte da política de austeridade promovida pola UE e aceptada de modo entusiasta polo Partido Popular”

Na súa intervención, Xabier tamén puxo enriba da mesa unha serie de medidas que considera, deben tomarse cara a mudar a situación descrita. Entre elas, destaca a reforma fiscal progresiva, creación de emprego en actividades socialmente útiles como un sistema público de atención ás persoas dependentes, recuperación dunha política pública de investigación ou un cambio na política enerxética que pasase pola nacionalización e creación de empresa pública.

Pola tarde, a xornada conta cunha serie de proxeccións e unha mesa coas testemuñas de mulleres activistas sociopolíticas da pobreza.
A posteriori, Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, fará unha intervención coas conclusións da xornada.