Marea de Vigo considera que o Concello debe asumir a responsabilidade sobre o aparcadoiro da Porta do Sol

A Marea de Vigo, para a que o primordial con respecto a este desastre é a situación do cadro de persoal, reitera que este Goberno Municipal asumiu un compromiso co cadro de persoal dos aparcadoiros da Porta do Sol e Praza de Portugal froito dunha moción da Marea de Vigo en decembro do 2015.
Por o 12/01/2017 | Sección: Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo considera que o Concello debe asumir a responsabilidade sobre o aparcadoiro da Porta do Sol
Compartir en:

Non resulta estraño que salten múltiples opinións, tanto de organismos institucionais como por parte da veciñanza da zona sobre a xestión do aparcadoiro da Porta do Sol, posto que o Concello non moveu un dedo para solucionar a situación creada. Neste senso, a Marea de Vigo non se move un ápice do xa exposto noutras ocasións, reiterando a posibilidade da remunicipalización deste aparcadoiro xunto co da Praza de Portugal a través dunha empresa pública e, cumprindo así o acordo plenario de decembro do 2015, subrogando ao persoal que perdeu os seus postos de traballo en setembro do ano pasado e dos que ninguén parece lembrarse.

No caso da non remunicipalización, política sobre a que este Goberno Municipal non é nada afín a pesares de levar a palabra “socialista” nas súas siglas, de ser concesionado outra vez, a Marea de Vigo alerta que nese caso debe ser a través de concurso público, e non a través doutras fórmulas de xa demostrado fracaso. Concurso onde documentalmente se deberá reflectir a realidade ao redor destes aparcadoiros, e porque non, o feito de estar suxeito a un acordo plenario tomado pola unanimidade dos 27 representantes da cidadanía viguesa no Concello. E onde ademais se debería respectar o regulamento do propio aparcadoiro aprobado tamén en Pleno, onde, entre outras cousas, se reflicte que o aparcadoiro debe ter rotación e non só prazas para residentes, feito que tamén parece estar poñéndose en dúbida ultimamente.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, como sospeitou desde un principio e cada dia que pasa parece que toma mais forma, cree que toda esta manobra ten parte de intencionalidade, cando vemos que outros aparcadoiros, doutras empresas, privados, próximos, estanse a facer de ouro a costa do peche da Porta do Sol e Praza de Portugal, algo que, en teoría non debería de condicionar as actuacións dun Goberno Municipal.

Agora nos atopamos con dous aparcadoiros pechados e converténdose nunha ruína onde si que vai ser xustificada unha gran obra polo estado no que están quedando as instalacións ao non ter uso, e un cadro de persoal insultado e vilipendiado por parte dun Goberno Municipal que parece que ten intención de conseguir o seu esquecemento no tempo.

Para as concesións que o goberno municipal considera que teñen algún tipo de rédito ou custo electoral son quen de “mover Roma con Santiago” como aconteceu, por exemplo e recentemente, co alumeado de Nadal, no que non se mediron á hora de “adaptar a lei as súas necesidades” e non ao revés; en cambio, noutros casos como este, o interese é nulo. Ou non, e precisamente esta inoperancia responda tamén a intereses.