Marea de Vigo considera que é imprescindible a modificación da regra de gasto para poder chegar a utilizar os recursos dos municipios de xeito efectivo e social

Rubén Pérez: “É positivo o desbloqueo do superávit mais non se chegan a abordar cuestións como o tipo de inversións ou o problema da regra de gasto, que impide dotar de moitas inversións aos concellos ou poder ter a autonomía municipal da que fala a constitución no seu artigo 140”
Por o 01/03/2018 | Sección: Marea Vigo,Política
Marea de Vigo considera que é imprescindible a modificación da regra de gasto para poder chegar a utilizar os recursos dos municipios de xeito efectivo e social

Para a Marea de Vigo, o que se está negociando non deixa de ser unha mera declaración de intencións, a pesar de existir un tímido avance sobre o que se ten reivindicado dende moitas forzas políticas municipalistas do país: o desbloqueo da autonomía económica dos concellos.

Ese criterio de só poder financiar co superávit o que eles chaman ‘actuacións financieiramente sostibles’ significa que non se vai poder inverter en programas sociais, en vivenda, en axudar á erradicación da pobreza das nosas cidades. “Non está na axenda política nin de Montoro nin de Abel Caballero desbloquear a regra de gasto. Existe unha proposición de lei de En Marea-Unidos Podemos-En Comú Podem onde, entre outros asuntos, inclúese a posibilidade de que os concellos cun período medio de pago a provedores inferior a 30 días, cunha débeda inferior ao 110% e que presenten equilibrio orzamentario ou superávit (como sería o caso de Vigo) poidan eximirse do cumprimento da regra de gasto, utilizando todos os recursos económicos que están en tesourería, mais o debate desta proposición permanece bloqueado por parte do Partido Popular” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo considera que, en aras ao contido do artigo 140 da constitución, que versa sobre a autonomía para o uso dos recursos públicos dun municipio, o ministro Montoro e Abel Caballero deberían estar negociando as propias limitacións que figuran no criterio de inversión financieiramente sostible, que limita o investimento en políticas sociais. Este debate é suficientemente importante como para convocar unha asemblea extraordinaria da FEMP por parte de Abel Caballero, tal e como llo teñen solicitado algunhas vicepresidencias.

Para a Marea de Vigo, a utilización dos recursos para aumentar cadros de persoal municipal é unha cuestión fundamental, como pode ser o caso das e dos traballadoras/es sociais de Vigo, en claro déficit con respecto á ratio establecida pola Lei de Servizos Sociais de Galicia. “Os concellos non só teñen que poder poñer os edificios, senón poder dotalos e contratar ao persoal” engade Rubén Pérez.