Marea de Vigo considera moi grave a morte dun traballador nas obras de Rande ante a inacción de empresas implicadas e Xunta tras denuncia da CIG

Publicado por o día 06/07/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo considera moi grave a morte dun traballador nas obras de Rande ante a inacción de empresas implicadas e Xunta tras denuncia da CIG

O escandaloso desta traxedia non se debe centrar no feito de que o traballador falecido non levara un arnés, cando ademais nese lugar en concreto non era a medida adecuada ao non ter unha “liña de vida” á que conectalo, senón a actitude dunhas empresas (a UTE de Dragados e Grupo Puentes xunto a recua de subcontratas) que están poñendo os seus interese económicos por diante das persoas.

Cada vez que estas empresas non cumpren os convenios colectivos pagando miserias como 7 euros á hora, permiten que se traballe xornadas de 12 horas en condicións lamentables, ou non poñen todos os medios para cumprir as medidas de seguridade e levar a cabo dun xeito escrupuloso os protocolos de saúde laboral, están asinando a pena de morte dun traballador, tal e como aconteceu onte nas obras da ponte de Rande.

E, cada vez que as persoas responsables da Xunta de Galicia (que conta con todas as competencias en materia de saúde laboral) fan ouvidos xordos ás denuncias como as que se fixeron no caso destas obras, están sendo cómplices e responsables directos das consecuencias, como o acontecido onte, que poden chegar a suceder.

Marea de Vigo esíxelle tamén responsabilidades ao resto de entes implicadas na situación destas obras, como o Ministerio de Fomento e a propia Audasa, concesionaria da AP9, resultando responsables finais ao ser unha obra nunha infraestrutura da que son xestores.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo amosa a total solidariedade coa familia de Nicolás e o firme compromiso da defensa do emprego digno, seguro e de calidade, onde as e os traballadores sexan algo máis que meros xeradores de riqueza para empresas cobizosas nas que non está o respecto pola vida das e dos traballadoras/es dentro das súas prioridades e institucións que así llo permiten.