Marea de Vigo cree que se a intención, tanto do Goberno Municipal como dalgúns hostaleiros da zona do Náutico, é a erradicación das estruturas fixas ancoradas a edificios, con todo o que elo implica e tal e como parecen expoñer; o único que teñen que facer é aplicar e aplicarse a si mesmos a ordenanza actual, e o Grupo Municipal da Marea de Vigo ínstaos a ambos a facelo sen mais demora.
O texto da actual ordenanza di que o que as instalacións autorizables son:“instalacións formadas por mesas, cadeiras, parasois, toldos, xardineiras e outros elementos de mobiliario urbano móbiles e desmontable”
Ademais, no seu apartado de sancións, pon que: “A instalación de terrazas sen a preceptiva autorización ou sen axustarse ás condicións da licenza, dará lugar a inmediata orde de retirada que, de non ser executada voluntariamente polo interesado, executarase subsidiariamente polo Concello, a custa do obrigado, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer.”
Alén disto, hai normativa con respecto a conservación do patrimonio, que tamén afecta nesta materia e, do mesmo xeito, se pode facer cumprir, tal e como xa o pediu o Grupo Municipal da Marea de Vigo no Pleno do Concello do pasado mes de abril, onde preguntaba, neste caso, sobre o que estaba pasando no Edificio Mülder (Pablo Murillo con Montero Ríos), onde a terraza que se atopa alí está ancorada a un edificio catalogado, quedando ademais a placa conmemorativa do arquitecto dentro da terraza pechada.
En teoría, e en cumprimento da legalidade, agora mesmo multitude de sancións deberían ter sido interpostas, non soamente de oficio, senón que, tal e como lle consta ao Grupo Municipal da Marea de Vigo, froito das denuncias que a veciñanza da zona leva feito dende hai anos. Descoñecendo o resultado, a Marea de Vigo precisamente preguntou por isto no pasado pleno, quedando á espera da contestación por escrito.
O Grupo Municipal da Marea de Vigo pídelle ao Goberno Municipal un pouco de seriedade, que non se ría das e dos veciños da zona, das e dos hostaleiros que si cumpren as normas e en definitiva de toda a cidadanía viguesa que non se merece tal manipulación da realidade.
De igual forma, se por parte do Goberno Municipal houbera vontade de arranxar esta cuestión a través da modificación de ordenanza, o lugar e o momento adecuado tería sido hai dous meses, cando se aprobaron as ordenanzas para o 2017, no mesmo momento no que o Goberno Municipal contestoulle á Marea de Vigo que agora “non tocaba” modificar esta ordenanza no momento no que a Marea así llo demandou.
Noticias de última hora en Vigo
Una respuesta para "Marea de Vigo considera unha burla que dous meses de aprobar ordenanzas, o goberno anuncie un cambio sobre as terrazas."