Marea de Vigo cualifica de irresponsables as declaracións do alcalde sobre o prezo da auga na nosa cidade

Publicado por o día 10/08/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo cualifica de irresponsables as declaracións do alcalde sobre o prezo da auga na nosa cidade

Tras as declaracións feitas polo alcalde Abel Caballero, sobre o prezo polo consumo mínimo de auga na cidade de Vigo, o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, “anima á cidadanía viguesa a reclamar ao Alcalde os cartos dos 30 m³ de auga de consumo mínimo pagados durante a concesión a Aqualia (27 anos) xa que, segundo afirma o Alcalde, son regalados”.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pídelle ao Alcalde que deixe de banalizar coas condicións dunha concesión sobre as que el mesmo é o máximo responsable, como é responsable da renovación da mesma nas mesmas condicións por 5 anos máis no pasado ano 2015.

“O negocio da auga privatizada na cidade de Vigo está supoñendo para o Goberno Municipal un xacemento importante para levar a cabo gran cantidade de obra pública e actuacións de diversa índole cun claro obxectivo electoralista para o propio Alcalde, funcións que distan moito das que lle corresponden a un contrato de subministro e saneamento da auga” afirma Rubén Pérez, engadindo que “resulta inaceptable que se fale da gratuidade da auga cando nesta cidade hai multitude de cortes do servizo a familias que non poden pagar esa tarifa abusiva e inxusta establecida no contrato con Aqualia”.

A Marea de Vigo reitera a necesidade da auditoría do servizo e a reformulación cara unha futura remunicipalización do servizo, tal e como fixo o Concello de París, usada agora como exemplo por ser unha das cidades preferidas por Abel Caballero á hora de facer comparacións con Vigo.