Marea de Vigo considera que as “cada día máis precarias” condicións laborais na factoría do grupo PSA en Vigo, onde se externalizan procesos e postos de traballo coa escusa de “creación de centro especial de emprego”, están sendo un experimento laboral para condicionar convenios e negociacións en diversas plantas, expresado sen pudor, neste caso, ante o comité de empresa da factoría de Figueruelas facendo uso do concepto “diferencial Vigo-resto”.
“PSA ten que deixar de ensuciar o nome de Vigo por Europa adiante equiparando a cidade co seu laboratorio de precariedade. Lembrámoslle ao Grupo que a cidade ten feito esforzos encomiables para satisfacer as necesidades e plans industriais do grupo. Mesmo o goberno autonómico improvisou unha lei, chamada coloquialmente “lei Vigo”, en realidade “lei de Medidas en Materia de Proxectos Públicos de Urxencia ou Excepcional Interese Público” para permitir de facto a reordenación urbanística do ámbito do polígono de Balaídos. Vigo responde e PSA debería crear emprego de calidade na cidade e non exportar modelos de explotación e miseria cos que ameazar ao resto das plantas do grupo industrial” engade Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal.
Marea de Vigo amosa a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras da planta de Figueruelas así como felicita as seccións sindicais e membros do comité de empresa de PSA Vigo que amosaron a súa solidariedade e disposición a defender os dereitos das e dos compañeiras/os de Zaragoza desde Vigo.
Noticias de última hora en Vigo