Marea de Vigo denuncia que Caballero convoca o Consello Social “con todo feito” nos Orzamentos de 2018

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, convocar o Consello Social da cidade “con todo feito” é non entender que hai que abrir os orzamentos a marcos de decisión cidadá.
Publicado por o día 03/11/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo denuncia que Caballero convoca o Consello Social “con todo feito” nos Orzamentos de 2018

O Grupo Municipal da Marea de Vigo alerta que hai partidas de inversións xa presentes noutros exercicios, amosando por unha banda unha falta de vontade do Goberno Municipal á hora de executar o que dun xeito normalmente “pomposo” anuncia, e por outra, que está preso da necesidade de dar superávit para empregar os recursos do orzamento para as ocorrencias partidistas que poidan xurdir.

Marea de Vigo denuncia o ter coñecido a presentación do orzamento para 2018 polos medios de comunicación e brevemente polo documento enviado aos membros do consello económico e social da cidade convocado para o luns, convocatoria con non moito tempo á hora de facer unha análise exhaustiva por parte das entidades que forman parte do mesmo.

O exposto no debate do último Pleno sobre as liñas fundamentais e o marco orzamentario de Vigo xa deixaba claro o camiño que tomaría o Goberno Municipal, que non foi outro que a suba de impostos, plantexando un escenario de incremento de recadación do IBI pola vía do aumento do tipo, en vez de buscar fórmulas que permitiran unha recadación progresiva do imposto axeitado ao nivel de renda das familias.

É innegable que os impostos directos e indirectos soben en Vigo toda vez que a previsión de ingresos dos directos soben 2,4%, tal e como denunciou no seu día a Marea de Vigo no debate de ordenanzas fiscais, polo tanto, non hai conxelación senón aumento impositivo.

Outro aspecto negativo e preocupante é que de novo se ningunea a lexítima representación sindical dos traballadores e traballadoras do Concello estando ausentes da negociación previa á presentación da proposta de orzamento do Capítulo 1 (persoal). Cómpre lembrar que hai unha denuncia no xulgado sobre o orzamento de 2017 polo mesmo procedemento.

É inconcibible que en política social e igualdade se manteñan case os mesmos importes, cando aparecen certos aumentos en partidas por exemplo na área de cultura, que a Marea de Vigo cualifica como potencialmente perigosas, xa que non se especifica o seu obxectivo, e que fai necesario lembrar que do orzamento de cultura máis de medio millón se lle entrega á concesionaria do Auditorio Mar de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo reitera que, alén da necesidade de pagar ás concesionarias que actualmente xestionan os servizos públicos, é preciso o control deses 120 millóns de euros de cartos públicos que a elas se destinan. Non é de recibo que, a día de hoxe estea sen convocar a Comisión de Vixilancia da Contratación e que non exista unha auditoría permanente dos servizos concesionados.

Sobre a afirmación do Goberno Municipal que di que aumentan as inversións, a Marea de Vigo afirma que é rotundamente falso, xa que, aos 17 millóns en inversións estanse sumando os 17 do Fondo Europeo e doutras administracións.