Marea de Vigo denuncia obras ilegais pola Comunidade de Montes de Cabral para facer unha praia fluvial

A mesma directiva que vén de ser requirida polo xulgado para entregar documentación sobre permutas de terreos, a mesma que tivo ao cadro de persoal do aeroclub nunha incerteza laboral durante meses e a mesma que non cesa no seu intento de construción dun macro-centro comercial no monte de man común a pesar de non ter o respaldo da maioría dos comuneiros, a base de actos propagandísticos onde pretenden facer crer á veciñanza de Vigo que, o lucrativo para uns poucos é bo para a maioría.
Publicado por o día 29/06/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo denuncia obras ilegais pola Comunidade de Montes de Cabral para facer unha praia fluvial

No día de hoxe, a directiva da Comunidade de Montes de Cabral iniciou as obras no leito do río, metendo maquinaria na propia canle e mesmo colocando pedras para realizar o que parece ser unha presa, vulnerando de xeito flagrante as leis ambientais de Galicia sobre canles fluviais.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que “hai un evidente abandono de funcións e deixar facer por parte do Concello de Vigo ao non paralizar obras sen permiso municipal pola marxe dereita do río Lagares ao seu paso pola parroquia de Cabral”, tal e como aconteceu cando se levou a cabo a construción da senda, ao non cumprir as condicións particulares de execución de obras e proxectos. Nesta ocasión estanse colocando grandes bloques de granito para o estancamento da auga, sen permiso nin de Augas de Galicia nin do Concello de Vigo.

Outra vez, incúmprese a condición expresa de “prohibir o uso das marxes fluviais e ribeiras como lugares para o depósito de materiais, parque de maquinaria e, en xeral, todas aquelas actividades que supoñan un risco de contaminación de augas ou alteración do ecosistema asociado”, polo que, desde o Grupo Municipal da Marea de Vigo, denúnciase a absoluta impunidade coa que o Concello permite e incluso parece animar á actuar a actual directiva da Comunidade de Montes de Cabral, cando “se trata dun espazo cualificado como Sistema Xeral de Espazos Libres e Zonas Verdes incluído no subsistema Curso Medio Lavadores pendente de ordenación pormenorizada a través do plan especial de protección, rexeneración ambiental e acondicionamento do Corredor do Lagares.” explica Rubén Pérez.

Por outra banda, e na mesma liña de actuación, están sendo notorios outra vez os movementos da actual directiva da Comunidade de Montes de Cabral xunto ao grupo inversor do proxecto de Porto Cabral, movementos que contan coa necesaria complicidade do Goberno Municipal, sempre situado publicamente a favor deste proxecto, un proxecto que dentro do marco legal actual non ten cabida, por moito que intenten facer ver os actores interesados no mesmo.

Para a Marea de Vigo, resulta especialmente lamentable e moi curiosa a campaña que se está levando a cabo, con persoas que, lonxe de defender os dereitos do pequeno comercio da cidade, a día de hoxe realizan afirmacións tales como que as cifras de visitantes ao macro-centro comercial achegarase aos 20 millóns de persoas ou mesmo o gran impacto positivo no comercio vigués, afirmacións que, de non haber un beneficio económico de por medio, carecerían de sentido, como carece de sentido o afirmar que é só unha minoría a que non quere vender o monte común para a construción dun macro-centro comercial, cando o resultado da asemblea na que se votou este feito aconteceu todo o contrario, gañando o NON á venta do monte.

Marea de Vigo insiste en que, no caso de Porto Cabral, “debemos xirar á vista aos exemplos comoZaragoza, con Porto Venecia (proxecto irmán de Porto Cabral) onde a Cámara de Comercio xa recoñeceu que se destruíron máis de 1000 postos de traballo no comercio local de proximidade da cidade” tal e como explica Rubén Pérez.

Este tipo de actuacións, tanto nas obras no río Lagares como a obcecación en levar adiante o proxecto de Porto Cabral, resultan moi perigosas no caso de conseguir amoldar as leis,  as vontades colectivas e incluso a natureza para beneficio económico duns poucos, chegando a ser tráxico cando, ao final, a comprobación destes feitos acontece cando xa non hai remedio nin volta atrás.