Marea de Vigo denuncia que esta estratexia de “liquidar” o Pleno do Concello como instrumento político estaba máis que orquestrada cando o o pasado 27 de xaneiro a Alcaldía do Concello de Vigo incoou un expediente para a modificación do, ate aquela altura vixente Regulamento Orgánico do Pleno .
Coa escusa de adaptación do Regulamento á Lei 19/2013 de transparencia e á 27/2013 de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, presentábase un novo Regulamento que de facto aproveitouse para adaptar o Regulamento Orgánico Municipal a un modelo de xestión municipal antidemocrático, no que se materializou un drástico recorte ao dereito de información da oposición, curiosamente, ao contrario do suposto espírito da lei de transparencia que veu motivar a modificación do propio Regulamento.
O Pleno do vindeiro mércores reflicte na súa orde do día o que se pretendía facer con esta modificación; limitar a capacidade da oposición de trasladar debates ao Pleno, e limitar os dereitos das/os concelleiras e concelleiros a poder presentar mocións cando o PsdG-PSOE con 17 representantes é incapaz ou non quere presentar as 4 mocións que ten reservadas (o anterior Regulamento o permitía).
Extremadamente grave é o veto do Alcalde a unha moción da oposición utilizando o argumento de “non se pode reprobar a alguén que non está condenado firmemente”, posto que o a reprobación dunha persoa nunha moción ao Pleno é un acto político e non xurídico; como político foi, no ano 2013, declarar en Pleno “persoa non grata” a Joaquín Almunia, a petición do mesmo Abel Caballero, moción non vetada por ninguén no seu día.
Este feito, polo tanto, senta un perigoso precedente no que, dun xeito totalmente discrecional, o Alcalde pode vetar mocións da oposición sen ningún criterio xurídico nin informe previo.
Noticias de última hora en Vigo