Marea de Vigo e grupos de traballo reúnense con En Marea para analizar orzamentos da Xunta

Da xuntanza sairán propostas para a formulación de emendas aos propios orzamentos.
Publicado por o día 02/11/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Xunta de Galicia

Marea de Vigo e grupos de traballo reúnense con En Marea para analizar orzamentos da Xunta

Para Marea de Vigo, non é lóxico que as provincias con maior poboación teñan un menor aumento en gasto por habitante. No caso da provincia de Pontevedra, e en concreto, o que afecta ao municipio de Vigo, este feito é grave xa que non se están tendo en conta as necesidades educativas nin sanitarias.

No concreto con respecto ás necesidades educativas, o claro exemplo está no barrio de Navia, onde centos de solicitudes para a escola infantil quedaron sen praza e para secundaria non hai compromiso de avance no novo instituto, xerando un grave problema de zonificación escolar.

En canto a Sanidade, a escaseza de investimentos é evidente, estando só os que se atopan arredor do desenvolvemento sanitario do HAC, e dicir, non hai investimentos para infraestruturas historicamente reclamadas como o centro de alta resolución ou un futuro para o antigo policlínico Cíes.

No eido das infraestruturas ligadas ao transporte, para Marea de Vigo é destacable o insuficiente dos 1,3 millóns de euros destinados ao inicio das obras na intermodal, xa que o ámbito completo terá que adaptarse á realidade urbanística. A pesar de que o proxecto da propia intermodal estea amparado pola lei 3/2016 (de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese), non o están os accesos e a urbanización do mesmo, e o Concello non debería ter que asumir en solitario os custes derivados da adaptación.

Especialmente preocupante tamén é o feito de que non apareza partida ningunha para a conversión en tramo urbano o tramo da AP-9 dende Rande á avda. Buenos Aires, sendo esta unha reclamación histórica e necesidade real para a veciñanza da zona, a cal leva moitos anos reinvindicando a conversión.

No tocante ao urbanismo, tamén é preocupante a inexistencia de partida orzamentaria consignada á co-financiación dos traballos técnicos do novo PXOM, tendo reclamado de xeito unánime por parte de toda a Corporación Municipal a sinatura dun convenio para tal fin, que axilizaría os traballos de redacción do novo Plan.

Para a Marea de Vigo é positivo o reforzo en recursos para a conservación do Parque Nacional Illas Atlánticas: (1,2 M€) mais non se consigna partida algunha para o Plan Director, sendo este o encargado da ordenación da actividade pesqueira así como da regulación para evitar o acontecido este pasado verán en relación ás navieiras.

Estas valoracións, xunto ás que se realicen na xuntanza desta tarde, converteranse en emendas ao proxecto de orzamentos, que, a Marea de Vigo, trasladará a través do Grupo parlamentario de En Marea.