Marea de Vigo felicita a veciñanza viguesa pola solidariedade e cualifica como incendiarias as políticas da Xunta

Publicado por o día 16/10/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo felicita a veciñanza viguesa pola solidariedade e cualifica como incendiarias as políticas da Xunta

Marea de Vigo expresa as súas condolencias ás familias e amizades das persoas falecidas, así como a solidariedade con todas aquelas persoas que foron desaloxadas e ás que están sendo atendidas nos hospitais a causa dos lumes.

Para a Marea de Vigo, a falla de políticas efectivas de prevención, o abandono do rural, a lexislación que permite despropósitos como a recualificación de montes queimados, e a privatización e segmentación dos servizos relacionados coa prevención e extinción de incendios, forman a combinación perfecta que explica en grande medida o acontecido nas pasadas horas nos montes galegos.

Segundo a Marea de Vigo, feitos como que o persoal das brigadas non esteatraballando todo o ano ou que non se realicen as tarefas necesarias de prevención e planificación forestal resultan inaceptables e supoñen parte da irresponsabilidade que facilitou o acontecido. Hai tarefas como a limpeza necesaria nos montes e fincas que resultan primordiais á hora de previr e facilitar a extinción dos lumes, neste caso ademais, trátase dunha responsabilidade compartida entre a Xunta e o Concello, sendo a entidade local a responsable da realización dos traballos de limpeza nos terreos do municipio.

No caso de Vigo, falla de cantidade de persoal efectivo no servizo público de bombeiros, supuxo tamén unha serie de dificultades que non axudaron a rápida resposta que se require neste tipo de desgrazas, xunto á sobrecarga de traballo do propio persoal.

Mais, tal e como xa ten acontecido noutras catástrofes nos pasados anos, a veciñanza volveu ser un exemplo de solidariedade e traballo en equipo, sendo quen de responder no momento no que, outra vez, as administracións fallaron e mesmo facilitaron.

Non se pode agardar un día máis para tomar as medidas necesarias, esta situación non pode volver a acontecer, cando grande parte da solución reside na vontade política do goberno da Xunta de Galicia, polo que a Marea de Vigo anima á cidadanía a acudir masivamente ás concentracións convocadas para esta tarde co lema “Lume nunca máis, o noso monte importa” que, no caso de Vigo terá lugar no MARCO ás 20:00.