Marea de Vigo lembra o Programa de Sereos co gallo do Día Mundial contra a SIDA

Marga L. Barreiro, concelleira do GM da Marea de Vigo, afirma que “esperamos que ao abeiro da adhesión da Declaración de París no pasado Pleno, neste Concello se retome o que xa tivemos , no que un día fomos pioneiros/as e o que o Grupo de Goberno da Cidade se permitiu pechar.”
Publicado por o día 30/11/2016 na sección de Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo lembra o Programa de Sereos co gallo do Día Mundial contra a SIDA

No pasado pleno do día 28, a corporación municipal, a raíz dunha moción do PsdG-PSOE, fixo unha Declaración Institucional na que Vigo se adhería á “Declaración de París por unha acción acelerada nas cidades e poñer fin así a epidemia da SIDA para o 2030”, Declaración coa que, evidentemente, a Marea de Vigo está totalmente de acordo.

Mais a Marea de Vigo considera que estas declaracións de intencións non son suficientes se todo queda no papel e a vontade de facelas reais non se leva á práctica, xa que, precisamente o compromiso que se inclúe na Declaración de París, xa se viña facendo neste Concello a través do programa “Sereos do Casco Vello”, pioneiro no seu día neste tipo de programas, e finalmente pechado polo Goberno do PsdG-PSOE.


Marga L. Barreiro, Concelleira da Marea de Vigo, lembra que “o programa de Sereos contaba con profesionais e voluntarias/os, centradas e centrados nas persoas que padecían patoloxías adictivas, SIDA, enfermidades mentais…circunstancias que as convertían en vítimas do rexeitamento social, estigmatización e aprofobia. E todas elas nun encontro de pobreza crónica ou sobrevida onde non podían cubrir as necesidades básicas. Contaba con 633 usuarios e daba almorzo e merenda diariamente a 445 persoas, ademais das intervencións grupais, que viñan sendo unhas 280. No que se recolleron e se entregaron ao redor de 21.000 xiringas (14.000 percibidas e 17.000 entregadas), e se repartiron de maneira informada o redor de 22.000 preservativos.”

Segundo relata a memoria do Programa, “estas accións atrasaron o proceso prematuro cara á morte, salvaron vidas, reduciron conflitos e tensións, melloraron a calidade de vida da poboación diana, aumentou a adherencia aos distintos tratamentos, as importantes derivacións ás redes sociais de asistencia públicas, e chegamos a sentirnos importantes e mesmo orgullosos/as de pertencer a esa poboación oculta e ocultada, compartindo ese espazo de encontro entre profesionais, usuarios/as, familiares e voluntarios/as”.

Isto foron 16 anos de axuda real e efectiva, e, sendo certo que a situación da rúa non é idéntica a da aquela altura, as dificultades da xente marxinada e excluída nesta cidade segue a ser moi dura e as administracións deben facerse cargo de resolver estas desigualdades e deben escoitar as voces que tantas veces se elevan pedindo unha solución. Vemos case a diario concentracións, manifestacións, e incluso acampadas como a que mesmo se fixo na “Farola de Urzaiz” no Dia Internacional das persoas sen teito por parte de Colectivos Sociais (RSP e Os Ninguéns), curiosamente coincidindo coa adhesión deste Concello a devandita Declaración de París.