Marea de Vigo presentará emendas ás ordenanzas fiscais de 2018 pola suba do 2,2% en servizos básicos como a auga

Marga L. Barreiro: “Imos propoñer que tributen por tramo cero, nos consumos domésticos, os contribuíntes beneficiarios da RISGA e as persoas acollidas a réximes protectores de carácter público análogos á RISGA. Deste xeito, estas persoas quedarían eximidas do consumo mínimo de 15 m³ mes establecendo o consumo mínimo gratuíto ate 4m³ ao mes, ao igual que quedarían excluídas da cota de abonamento, saneamento e utilización de contadores de medida”.
Publicado por o día 09/08/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo presentará emendas ás ordenanzas fiscais de 2018 pola suba do 2,2% en servizos básicos como a auga

Outro ano mais, dende o comezo da última lexislatura, o Goberno Municipal levará a cabo unha suba nas tarifas da auga, sendo a proposta para o 2018 o dobre que a do 2016, do 1,1 de suba ao 2,2 (sendo, en valores reais máis do dobre, posto que a suba realízase sobre o prezo anterior).

A pesares desta suba e segundo o informe de intervención (feito cos datos derivados do contrato con Aqualia e as relacións existentes co Concello) di que debería aumentarse un 9,8 nesta altura para poder cubrir todo o custe do servizo. Isto non ten máis explicación que a de ser a consecuencia de estar utilizando a Aqualia para levar a cabo actuacións que distan do que unha empresa de subministro e saneamento debe facer. Obras ornamentais en lugar de, por exemplo, a eliminación da tubaxe de fibrocemento, aínda moi presente nesta cidade. Consecuencia disto tamén foi a prórroga do contrato con Aqualia no 2015 sen levar a cabo ningunha auditoría pública e mantendo abusos como o consumo mínimo de auga (abuso que, de seguir prorrogando con esta empresa, pode manterse ata o 2030, de 5 en 5 anos).

Para a Marea de Vigo, non é concibible nunha cidade como Vigo a existencia dun consumo mínimo de 30 m³ de xeito bimensual, (o que veñen sendo 500 litros ao día), resultando isto unha cuestión física e sustentablemente imposible cos embalses que nutren a Vigo se as viguesas e os vigueses consumiran toda esa auga que están pagando.

Hai cidades nas que non hai consumo mínimo ou o pago deste realízase por tramos, pagando segundo se consuma e de xeito gradual, sendo máis caro canto máis consumo, ao igual que tarifando diferente segundo as persoas que ocupen a vivenda en cuestión. Á marxe do abuso, este aspecto da lugar a incongruencias tales como a que, canto máis aforro en agua nun fogar vigués, máis beneficios leva a empresa, xa que no recibo págase pola auga que a empresa non subministra. “Igualmente, para a Marea de Vigo, un ben como a agua debería estar garantida a toda á cidadanía e cun mínimo de xeito gratuíto ou simbólico, aínda que para iso, é necesaria a remunicipalización destes servizos e a concepción do público como un ben común, políticas que distan moito das exercidas por este Goberno Municipal”, explica Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.