Marea de Vigo quere manifestar “rotunda condena aos acontecementos autoritarios producidos nos últimos días no Estado español”

Publicado por o día 22/09/2017 na sección de Marea Vigo,Política

Marea de Vigo quere manifestar “rotunda condena aos acontecementos autoritarios producidos nos últimos días no Estado español”

Marea de Vigo ven de facer público un comunicado  sobre a situación en Catalunya en nome do Plenario da Marea de Vigo, máximo órgano de decisión interasamblear. 

Xogámonos os nosos dereitos, non só os da cidadanía catalá

As mareas municipais nacemos entendendo que debiamos ampliar a participación cidadá e a transparencia, por iso, dende a Marea de Vigo, non podemos quedar caladas diante dos acontecementos que estamos a ver en Catalunya. É por isto que a Marea de Vigo quere manifestar a súa rotunda condena aos acontecementos autoritarios producidos nos últimos días no Estado español en canto a:

Os conflitos políticos só poden solucionarse con máis democracia. A actuación de determinados tribunais ao ditado do Goberno de Mariano Rajoy, o rexistro de imprentas e de redaccións, a presión a medios de comunicación públicos, as ameazas a funcionarios e a imputación de máis de 700 alcaldes e alcaldesas non só non solucionan o conflito, senón que o agravan, abrindo unha profunda fenda entre o dereito democrático a decidir que supón o referendo do 1 de outubro e a actitude autoritaria do putrefacto Réxime do 78.

Consideramos que a imputación das 712 alcaldesas e alcaldes cataláns que manifestaron o seu apoio ao referendo do 1-O é un ataque ás e aos representantes lexítimos do pobo catalán e polo tanto á vontade expresada nas urnas. Unha fuxida autoritaria do Estado ante a súa absoluta incapacidade de dialogo. Os herdeiros dos que impuxeron acordos no 78 con ruído de sables, son incapaces de abandonar as súas costumes antidemocráticas.

A prohibición do debate en Madrid sobre o dereito a decidir, representa un ataque frontal a liberdade de expresión e reunión, ademais dun absoluto despropósito xurídico, cos mesmos criterios cos que non se permite este acto, poderíanse prohibir debates sobre a eutanasia, a marihuana ou calquera tema que a día de hoxe non fora legal no Estado. Non está de máis lembrar que o mesmo xuíz que prohibe o acto, fixo declaracións hai un tempo (non sendo aínda xuíz) expresando que “a xustiza avanzaría moito senón houbese avogados”.

Impedir a celebración de actos, acolléndose a que o acto “non contaba con autorización expresa da Delegación do Goberno” non é máis que unha deriva antidemocrática e fascista do goberno central.

Un ataque intolerable á liberdade de reunión e expresión que só busca a prohibición de actividades públicas dunha opción política lexítima e que conta con representación institucional.

Os debates políticos, deben solucionarse politicamente, o debate que a sociedade catalá quixo abordar e solucionar con métodos pacíficos e democráticos, o goberno español pretende silencialo incautando urnas e papeletas, rexistrando imprentas ou pechando páxinas web. Calquera persoa ou colectivo democrático debe opoñerse a esta deriva fascista. As derivas autoritarias sempre seguen a mesma estratexia. Primeiro se criminaliza a un colectivo, póñense en marcha os mecanismos do Estado xunto a toda a súa maquinaria mediática e xudicial afín, mais, despois esta mesma maquinaria ponse en marcha contra calquera colectivo molesto para os falsos consensos do 78. Hoxe é o pobo catalán, mañá calquera de nós.

A cidadanía ten dereito a posicionarse en relación ao que afecta a calquera aspecto da súa vida. As urnas nunca deben ser un problema, senón unha solución. Defendemos radicalmente o dereito a decidilo todo.

Consideramos que, en pleno século XXI, non se deberían pór impedimentos para abrir colexios electorais e, menos, se cabe, se debería perseguir a simple tenencia de urnas. Por iso, cando as forzas políticas, xurídicas e policiais actúan como inimigos da democracia, non está actuando só contra aqueles cidadáns que defenden a independencia, senón que están negándolle ao conxunto da sociedade catalá poder votar e expresarse en liberdade.

Que a represión contra a autonomía, o Parlamento e o Goberno catalán constitúe un grave atentado contra a democracia e unha involución inaceptábel.

Que as liberdades democráticas de expresión (artigo 20), reunión e manifestación o 21) e participación (artigo 23), recoñecidas na CE, son unha conquista da loita popular democrática contra a ditadura e que non imos permitir a súa privatización polo Partido Popular.

Que Galiza, Catalunya, Euskadi e calquera pobo do Estado español que así o decida libremente, teñen dereito a decidir sobre o seu futuro político e a relación que libremente desexan estabelecer co Estado español: federal, confederal ou a plena independencia.

Que o día 1 de outubro o pobo catalán debe poder votar libremente e sen inxerencias.

Todos os dereitos e liberdades que están a ser negados hoxe en Catalunya son dereitos e liberdades que mañá estaremos en risco de perder o resto de cidadáns que vivimos no Estado. Defender o dereito a decidir hoxe é defender os dereitos e liberdades de todas polo presente e polo futuro.