Marea de Vigo rexistra moción sobre atención de mulleres con endometriose e a divulgación sobre esta doenza no Concello

Segundo os estudos a endometriose afecta ao 10% das mulleres en idade fértil. De se confirmar este dato en Galicia habería máis de 60.000 mulleres afectadas por endometriose das cales o 15% teñen formas severas da doenza, o que suporía arredor das 9.000 mulleres.
Publicado por o día 05/07/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo rexistra moción sobre atención de mulleres con endometriose e a divulgación sobre esta doenza no Concello

A endometriose ademais de poder resultar incapacitante para a muller, implica en moitos casos un grave problema de infertilidade, tanto o descoñecemento dos síntomas por parte das mulleres como a pouca atención que ata o momento o sistema sanitario prestou aos síntomas da endometriose, son as causas do atraso do diagnóstico” explica Marga L. Barreiro no texto da moción.

Dentro dos acordos que se reflicten na moción, pídese á Consellería de Sanidade o cumprimento do aprobado por unanimidade no Parlamento galego o pasado 22 de abril do 2015, no que se recollían gran parte das demandas do colectivo de mulleres afectadas pola doenza.

No que atinxe ao SERGAS e cara a Área Sanitaria de Vigo, ínstase á Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo a tomar unha serie de medidas encamiñadas á mellora da atención das mulleres afectadas, a través da garantía das consultas específicas, a formación para o persoal sanitario e a creación dunha unidade multidisciplinar composta por profesionais da saúde en materias como xinecoloxía, radioloxía, cirurxía, así como especialistas en dor para mellorar a atención dos casos máis graves de endometriose.

Mais desde a propia institución municipal pódense levar a cabo mecanismos tales como campañas informativas nos centros educativos, así como a distribución de material informativo obxectivo de dar a coñecer a doenza e tratar de acurtar o máximo posible os tempos de diagnóstico. Neste sentido, Marga L. Barreiro sinala que “se debe contar tanto co persoal profesional especializado en endometriose, como coa asociación querENDO. Mulleres con endometriose, asociación que leva anos traballando para lograr paliar ao máximo os efectos desta doenza, a través da súa divulgación e a iniciativa de introducir, a través das institucións e a Sanidade Pública, medidas efectivas para combater a endometriose e a demora do seu diagnóstico”.

Para poder facer realidade as medidas e campañas no ámbito do Concello de Vigo, tamén é necesaria a reserva dunha partida orzamentaria nos vindeiros orzamentos do ano 2018, petición que tamén quedou recollida no texto da moción.