Marea de Vigo ve imprescindible poñer en práctica políticas efectivas pola igualdade como resposta á violencia machista

Publicado por o día 11/05/2017 na sección de Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo ve imprescindible poñer en práctica políticas efectivas pola igualdade como resposta á violencia machista

A violencia machista ten a súa máxima expresión nos asasinatos, mais tamén se atopanas nosas vidas de xeito transversal, dende condutas machistas que soportamos diariamente, o uso dos nosos corpos (publicidade machista, explotación sexual, prostitución, ventre de aluguer…) ata no propio eido institucional, no que, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, máis aló de necesarias declaracións institucionais ou tamén necesarias axudas económicas ás asociacións que loitan contra a violencia machista, faise fundamental a posta en marcha e desenvolvemento na súa totalidade de políticas que camiñen cara un cambio social que garanta a igualdade efectiva entre todas as persoas.

No caso do Concello de Vigo, alén da creación de novas medidas e ferramentas en materia de igualdade, é esencial cumprir na súa totalidade as medidas xa existentes, como é o caso dos xa caducados e non renovados Plans de Igualdade, formulados no seu día desde este Concello cara a asunción de medidas en todos e desde todos os ámbitos da propia institución. Ditos planes, como e o caso do último, aprobado para desenvolver entre os anos 2009 e 2014, e segundo relata Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “contiñan accións como a inclusión de cláusulas de contratación con empresas e outras entidades obxecto de adxudicación pública que contiveran actuación de promoción da igualdade, tales como formación en xénero para o cadro de persoal, utilización dunha imaxe e linguaxe non sexista, ou como medidas que facilitasen a conciliación da vida laboral, familiar e persoal das traballadoras e traballadores.”

Neste sentido, compre ser coherente na loita pola igualdade e contra a violencia machista tamén dende o punto de vista da prevención, xa que, “a asunción das políticas de igualdade de xeito normalizado e constante desde as institucións, forma parte das accións que están nas nosas mans cara a consecución dunha realidade máis igualitaria e, por tanto, onde a violencia machista non teña cabida” subliña Marga L. Barreiro.