En Marea vota en contra do candidato a presidir a CIAF, quen defendeu hoxe que “non debe reabrirse a investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois”

O resultado da votación foi: 19 votos a favor, 8 en contra e 8 abstencións. Agora a Comisión de Fomento trasládao ao Goberno.
Publicado por o día 21/03/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea vota en contra do candidato a presidir a CIAF, quen defendeu hoxe que “non debe reabrirse a investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois”

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, e solicitante da comparecencia do candidato proposto por Fomento a presidir a CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios) deixou claro na súa intervención a oposición de En Marea a esta candidatura debido á súa falla de independencia.

O resultado da votación foi: 19 votos a favor, 8 en contra e 8 abstencións.

Alexandra Fernández non cuestionou o seu perfil profesional nin os seus coñecementos, “pero si a súa independencia”. Para argumentar o voto en contra a que o Señor Fernando Montes presida a CIAF, a deputada de En Marea empregou a literalidade do artigo 74 da lexislación vixente, segundo o cal para formar parte da CIAF “todos os membros da Comisión actuarán con independencia no exercicio das súas funcións”. Lembrou que xa foi membro da CIAF, e fixo especial mención á postura do Señor Fernando Montes en relación ao sinistro do Alvia en Angrois.

“Certo é que vostede entrou a formar parte da CIAF dous meses máis tarde de presentado o Informe da CIAF sobre o accidente, pero é que a súa relación co sinistro ven de atrás. Como experto participou tanto na comisión técnico-científica que Fomento creou após do sinistro, e antes de entrar como vocal na CIAF, vostede compareceu na Subcomisión ferroviaria no Congreso e afirmou rotundamente que “os subsistemas en marcha en Santiago eran os axeitados”. Reprochou ao Señor Montes que apuntase como único culpábel ao maquinista e “sentenciou antes de que concluíse o Informe”.

E dixo todo iso, subliñou Alexandra Fernández, cando sabemos que o Adif non cumpriu a obriga de analizar o risco da liña Ourense-Santiago, e cando se produciron modificacións tan significativas como a desconexión do sistema de seguranza que evitaría o accidente.

Alexandra Fernández aprofundou nos seus argumentos aludindo ás últimas novidades en relación ao proceso xudicial, onde o xuiz instructor chamou a declarar ao ex director de Seguridade do Adif tras reabrir o proceso xudicial.

Ademáis, a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un dictame onde critica a falla de independencia do Informe da CIAF, e do órgao en si mesmo. Criticou que a “actual Comisión da que vostede forma parte se negué a reabrir o caso alegando que “non ven nada que xustifique a súa reapertura”.

O candidato négase a reabrir a investigación sobre o Alvia como lle pide En Marea

A parlamentar de En Marea sinalou que estamos “perante unha situación de bloqueo porque o Ministro di que non ten capacidade legal para reabrir a investigación, que debe partir da propia CIAF, pero a CIAF á súa vez díse independente e tampouco vai reabrila. Por riba, os cargos son a proposta de Fomento e só revocábeis por decisión do Ministro. Esta é a independencia da CIAF”.

Aproveitou a deputada de En Mara para facer crítica da natureza deste órgado que carece por completo de neutralidade. Rematou dirixindo varias preguntas ao candidato proposto por Fomento, unha delas se ía reabrir a Investigación sobre Angrois se saía elexido. Pregunta á que o Señor Fernando Montes respostou con rotundidade que non: “Non debe reabrirse a investigación sobre Angrois”, e engadiu que “o Informe é técnico e fíxose con completa independencia”.