Mareas de Coñecemento: a Universidade máis aló dos campus e das barreiras de idade

Durante este curso o programa desenvolverase en Nigrán, Ribadavia e Forcarei
Publicado por o día 08/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Mareas de Coñecemento: a Universidade máis aló dos campus e das barreiras de idade

Formación durante toda a vida, docencia e divulgación que se estende máis aló dos campus e flexibilidade académica. Estes son os puntos de partida do proxecto Mareas de Coñecemento, unha iniciativa da Universidade de Vigo para expandir as súas actividades formativas á poboación sénior de toda Galicia, unha extensión do Programa de Maiores que pretende chegar máis aló da poboación das cidades nas que se insiren os tres campus. A primeira edición deste proxecto, que rematou este mes, desenvolveuse durante o último ano e nela participaron arredor de 60 persoas maiores de municipios do Baixo Miño e o Val Miñor.

A iniciativa arrancou en decembro no concello de Nigrán, coa participación de 40 maiores e a segunda quenda desenvolveuse nas pasadas semanas en Tui coa participación doutras 20 persoas da comarca do Baixo Miño, incluíndo A Guarda, O Rosal e Tomiño. A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, fai unha valoración “moi positiva” tras o peche desta primeira edición, “pola grande acollida por parte dos concellos e tamén dos maiores, que dan unha puntuación de 5 sobre 5 a esta experiencia”. De feito, engade a vicerreitora, as e os participantes apostan por ampliar a oferta formativa, “explican que o programa se lles fai curto e solicitan máis seminarios e que se desenvolva ao longo do ano”.

Levar a Universidade ás vilas

O obxectivo desta proposta é, como apunta Caparrini, o mesmo que o do Programa de Maiores. Trátase de “achegar a Universidade e os seus estudos ás persoas maiores que, por calquera circunstancia, non puideron acceder no seu día á universidade ou a xente que si o fixo, pero que quere aprender cousas novas ou reciclarse”. No caso concreto das Mareas de Coñecemento están dirixidas especificamente a persoas que non residen na contorna máis próxima aos campus e, polo tanto, non se poden matricular no Programa de Maiores regulado, é dicir, é un xeito de achegar a Universidade ao rural”. Para seguir mellorando e flexibilizando o programa, avanza, estase a traballar na posibilidade de ofertar docencia semipresencial por videoconferencia. Para os vindeiros meses están tamén previstas novas edicións de Mareas de Coñecemento, que repite en Nigrán e se estende tamén a Ribadavia e outra posiblemente en Forcarei, mentres se seguen a pechar novas sedes para os vindeiros meses.

Formación relacionada coa contorna

Cada edición das Mareas de Coñecemento estrutúrase tres seminarios cunha parte teórica de tres horas e outra práctica da mesma duración, todos impartidos por profesorado da Universidade de Vigo e do Programa de Maiores e con contidos adaptados ás característica da zona. Así, no caso da edición de Tui que acaba de rematar o primeiro dos seminario centrouse na arte e a historia, cunha sesión divulgativa sobre a ruta do patrimonio xudeu e os contos e lendas da zona vella e unha visita cultural pola zona monumental da vila. O segundo seminario xirou arredor da saúde, o benestar e o deporte, cunha sesión teórica sobre a alimentación e unha ruta cardio-saudable polo regato do Lagartón. O terceiro e último bloque achegou ás persoas participantes ás tecnoloxía, en concreto ao uso de ferramentas no teléfono móbil, dende a configuración básica, ao manexo do WhatsApp e do Facebook. Na parte teórica puideron coñecer outras aplicacións, como calendarios de vacinación e medicacións, petición de citas médicas ou localización de persoas.