Mareas municipalistas de toda Galicia apoian a candidatura En Marea

Publicado por o día 07/12/2015 na sección de En Marea,Política

Mareas municipalistas de toda Galicia  apoian a candidatura En Marea

Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino agradeceron o apoio das mareas porque “isto temos que facelo entre todas”

O local de Marea Atlántica na Praza do Humor da Coruña acolleu o acto de apoio de mareas municipais de todo o país á candidatura En Marea. Presentou o acto Mariano Fernández, membro da Marea Atlántica. Lembrou o camiño comezado hai oito meses, nunha xuntanza semellante a esta, que acabou levando moitas destas candidaturas cidadás ós gobernos das cidade e das vilas. “Hoxe estamos aquí, xuntos de novo, para amosar o noso apoio á candidatura En Marea”, recordou Mariano Fernádez.

Tralas súas palabras, varios  representantes das diferentes mareas leron o manifesto, que remata co apoio explícito á candidatura de En Marea:

“… A vitoria de maio trazou unha liña no ecosistema político galego que só se pode atravesar nunha dirección: cara adiante. E por iso hoxe, procesos diversos de unidade popular e confluencia de toda Galicia nos xuntamos na Coruña para ratificar o noso compromiso cun proceso de cambio que vai moito máis alá das eleccións municipais, unha primavera longa que se enfronta o 20 de decembro a un novo desafío nas eleccións xerais e que debera culminar o ano próximo desaloxando por fin o PP da Xunta de Galicia. Non imos permitir ningún paso atrás.

Todo o noso apoio e toda a nosa forza para as compañeiras e os compañeiros que encabezan a candidatura de En Marea nestas eleccións xerais. Para que leven a onda de ilusión das mareas e avanzada dos nosos gobernos rebeldes ao Congreso dos Deputados.

Maio foi só o principio. Galicia quere cambio. E isto non hai quen o pare.

Hai marea!”

Pecharon o acto Alexandra Fernández, cabeza de lista ó Congreso pola provincia de Pontevedra, e Antón Gómez-Reino “Tone”, número 1 pola provincia da Coruña, que agradeceron o apoio das mareas. “O obxectivo desta candidatura é seguir sumando.Queremos levar a voz ó Congreso e as mareas municipalistas son o espello no que vernos para seguir camiñando. Ademais é un proceso que necesita retroalimentarse e En Marea debe ser un motor para que máis xente siga participando nos espazos municipais para tecer a rede e abrir espazos de cooperación. Isto non o imos facer 2 ou 3 persoas. Temos que facelo entre todas”, dixo Alexandra.  “Síntome coma na casa. Estamos traballando colectivamente para construir unha candidatura que se pareza a este país. Abordamos este camiño con responsabilidade e iluisión. Responsabilidade colectiva polo reto e ilusión porque entre todas fomos capaces de facer o que a cidadanía nos demandaba. O 20D ou somos nós ou é Feijóo. Agradecer a todos os compañeiros. O cambio non hai quen o pare. En Galicia para a xente hai marea!”, concluiu Antón Gómez-Reino.

 MANIFESTO DE APOIO DAS MAREAS MUNICIPALISTAS GALEGAS Á CANDIDATURA DE EN MAREA

Maio foi só o principio

Galicia quere cambio. Un cambio nas políticas e na política, no modelo de sociedade que queremos para o futuro e no xeito de organizar a nosa vida en común e a participación nas institucións. Demostrouno o pasado mes de maio, dándolle aos novos procesos de confluencia e unidade popular os gobernos municipais da Coruña, Ferrol e Santiago e representación en moitos outros concellos, grande e pequenos, de todo o país. Unha auténtica rebelión democrática aínda en curso.

En maio puxemos o que nos unía por diante do que nos separaba. Dende as condicións particulares de cada vila e de cada cidade, dende abaixo, con xenerosidade e altura de miras, construímos colectivamente novas ferramentas para o cambio. Ferramentas amplas e plurais, capaces de incorporar o maior número de actores, dentro e fóra dos partidos políticos. Ferramentas, en moitos casos, lideradas pola cidadanía. Non só para sumar, senón para multiplicar.

En maio organizamos un desexo común, fixemos os nosos programas electorais de maneira participativa, sometemos as nosas candidaturas a primarias abertas e puxemos de novo as persoas no centro das nosas preocupacións. Abrimos de par en par a política e a praza encheuse de xente. Como no 15M. Como Nunca Máis. Conseguimos, coas nosas propias mans, sen as hipotecas do pasado, levantar unha onda de ilusión xigantesca por todo o país.

En maio conxurámonos para rescatar a xente. Para garantirlle unha vida digna a todas as nosas veciñas e a todos os nosos veciños. Para procurar unha economía máis xusta e sustentable. Para democratizar as institucións e poñelas, non só ao servizo da xente, senón ao alcance da xente. E para sacoder a clase política, unha clase política que non se parecía a nós, sobre a base dun forte compromiso ético. Propuxemos un novo contrato, unha nova política.

A vitoria de maio trazou unha liña no ecosistema político galego que só se pode atravesar nunha dirección: cara adiante. E por iso hoxe, procesos diversos de unidade popular e confluencia de toda Galicia nos xuntamos na Coruña para ratificar o noso compromiso cun proceso de cambio que vai moito máis alá das eleccións municipais, unha primavera longa que se enfronta o 20 de decembro a un novo desafío nas eleccións xerais e que debera culminar o ano próximo desaloxando por fin o PP da Xunta de Galicia. Non imos permitir ningún paso atrás.

Todo o noso apoio e toda a nosa forza para as compañeiras e os compañeiros que encabezan a candidatura de En Marea nestas eleccións xerais. Para que leven a onda de ilusión das mareas e avanzada dos nosos gobernos rebeldes ao Congreso dos Deputados.

Maio foi só o principio. Galicia quere cambio. E isto non hai quen o pare.

Hai marea!

PRENSA EN MAREA