María Adánez e Ana Marzoa inauguran a nova Tempada de Teatro de Afundación cun clásico de Valle-Inclán

Presentarán Divinas palabras o venres 11 de outubro no Teatro Afundación de Vigo
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

María Adánez e Ana Marzoa inauguran a nova Tempada de Teatro de Afundación cun clásico de Valle-Inclán

Comeza unha nova Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e faino coa obra de Valle-Inclán Divinas palabras adaptada e dirixida por José Carlos Plaza. Cun elenco conformado por María Adánez, Ana Marzoa, Javier Bermejo, Alberto Berzal, María Heredia, Chema León ou Diana Palazón, entre outros, poderase ver o vindeiro venres 11 de outubro, ás 20.30 h no Teatro Afundación de Vigo.

As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen un abono de tempada, que supón un aforro do 20 % con respecto ao importe das entradas soltas.

DIVINAS PALABRAS, DE VALLE-INCLÁN

O texto é a culminación do ciclo mítico de Valle-Inclán cunha estética moi próxima aos esperpentos. O tráxico, o dramático, o cómico e o grotesco xúntanse nesta traxicomedia, onde é evidente a influencia de Goya e as súas Pinturas Negras, dos disparates, dos horrores da guerra. É tamén evidente a influencia de Solana, Dalí e de toda unha corrente española que chega ata os nosos días –con Buñuel á cabeza- dunha auténtica sinfonía de cores, sons e sentimentos.