María Casares volve á vida en Vigo da man de ButacaZero

O director, Xavier Castiñeira, propón unha mestura entre teatro e cinema para crear unha experiencia teatral inesquecible: un filme feito en directo.

O vindeiro venres 11 de outubro, ás 21h, todas as persoas que de decidan achegarse ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza Despois das ondas, de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.

Ernesto Is, quen levou por esta peza Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.

Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.

Con todo, non serán as únicas que se suban ás táboas do Auditorio, pois outras catro persoas estarán en escena para que a maxia do teatro e a do cinema se poidan mesturar. Roi Fernández foi o encargado do deseño da parte audiovisual, e estará acompañado en escena por Esther F. Carrodeguas, Beatriz de Vega, e Ernesto Is, quen se encargará de xerar os sons tamén en vivo e en directo. Os catros son os encargados de que o teatro se convirta nun plató de cinema e de que os espectadores poidan ver un espectáculo tan teatral como cinematográfico.


SINOPSE  Despois das ondas

Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia nunha xira teatral.

A nena medrou para converterse na gran actriz da escena e do cinema francés, no símbolo da España refuxiada, no recordo dunha Galicia perdida na brétema do pasado. Será precisamente nesa néboa onde a gran Casares deberá perderse para atopar o significado dunha vida chea de éxitos e perdas, onde as pantasmas que resoan na súa memoria axudarana a responder á verdadeira razón desta viaxe: quen é María?

Nesta peza mesturando cine en directo, teatro e música poderemos percorrer os lugares e momentos da vida de María Casares na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.

EN ESCENA Belén Constenla, Nerea Brey, Sonsoles Cordón, Roi Fernández, Beatriz de Vega e Ernesto Is.
ESPACIO ESCENICO Xavier Castiñeira e Beatriz de Vega
TALLER E CONSTRUCCIÓN: José Faro “Coti”
VESTIARIO Carlos Pinilla
ILUMINACIÓN Javier Quintana
CINEMA EN DIRECTO Roi Fernández (Sr. Pausa Cinescapismo)
DRAMATURXIA Ernesto Is
GUIÓN ADAPTADO: Xavier Castiñeira e Ernesto Is
DESEÑO GRÁFICO: Esmera Marketing Dixital e Alltogether Desing
PRODUCCIÓN Esther F. Carrodeguas
AXUDANTE DE DIRECCIÓN Ernesto Is
DIRECCIÓN Xavier Castiñeira

Unha produción da Deputación da Coruña e ButacaZero.

Despois das ondas é un texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña.

www.butacazero.net

Fotos

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM