María do Ceo presenta o seu novo disco, A fadista, no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo

O concerto tera lugar o vindeiro domingo 9 de xuño a partir das 19.00 h
Por o 07/06/2019 | Sección: Cultura,Eventos,Galicia,Vigo
María do Ceo presenta o seu novo disco, A fadista, no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá a presentación do novo disco de María do Ceo, A fadista, dentro da xira que a artista iniciou na Coruña o pasado 1 de marzo no marco das actividades da mostra de Afundación, «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación». Será o vindeiro domingo 9 de xuño, a partir das 19.00 h, no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo (Reconquista, s/n). As entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com.

A fadista, o novo disco de María do Ceo, volve reunir o fado e a música galega nun espazo emocional no que as texturas sonoras expresan sentimentos compartidos pola melancolía e no que a saudade e a morriña emerxen na súa voz e se mostran en contextos claros e recoñecibles, cunha tensión de afectividade musical que atrae de inmediato. Nos seus directos, María do Ceo mantén o seu estilo sobrio e elegante, en compañía da guitarra portuguesa de Álex Salado e a guitarra española de José Salgado.

María do Ceo naceu e creceu artisticamente no fado e a el segue dedicando a súa carreira e a súa vida. En palabras do crítico Nonito Pereira «sente e comunica con entrega e alma, ata o punto de converterse nunha das voces máis respectadas». Desde o seu primeiro disco, Cartas de amor, creceu profesionalmente en centenares de concertos e catorce discos publicados que, engade, «deixaron unha profunda pegada e marcan un itinerario emocional, con múltiples recoñecementos, que desde ambas as beiras do Miño, desembocan neste novo disco».

Comentar noticia

Your email address will not be published.