María Ortega anuncia que a Deputación estuda abrir unha liña de axudas que poñan en valor o patrimonio marítimo-fluvial na provincia

A deputada de Patrimonio visitou hoxe as instalacións do Museo das Salgadeiras de Moreiras no Concello do Grove
Publicado por o día 26/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,O Grove

María Ortega anuncia que a Deputación estuda abrir unha liña de axudas que poñan en valor o patrimonio marítimo-fluvial na provincia

A deputada provincial de Patrimonio, María Ortega, anunciou hoxe que a Deputación está a estudar a posibilidade de abrir unha liña de axudas a asociacións para poñer en valor o patrimonio marítimo-fluvial na provincia. A nacionalista fixo este anuncio nunha visita ás instalacións do Museo das Salgadeiras de Moreiras, propiedade do Concello do Grove e xestionadas pola Asociación de Amigos das Salgadeiras.

Ortega reuniuse co presidente do colectivo meco, Miguel Ángel Pérez, a quen lle indicou que se está a estudar a viabilidade orzamentaria da iniciativa (aínda non cuantificada) á que poderían acceder por concorrencia competitiva as asociacións provinciais que dalgún xeito desenvolvan actividades ou proxectos relacionados co mar, cos ríos e cos traballos que se desenvolven neles de forma tradicional. “Ese patrimonio, como país mariñeiro e vencellado á auga que somos, forma parte da nosa cultura e da nosa identidade”, dixo.

A deputada nacionalista sinalou que o proxecto da liña de subvencións podería ser unha realidade no vindeiro exercicio, cando os colectivos deberían presentar os seus proxectos para seren valorados tecnicamente e recibiren a axuda económica en función da puntuación obtida. O plan de achegas, de feito, sería complementario a outras axudas para a conservación do patrimonio que poidan recibir os concellos, tanto desde a institución provincial como doutras administracións, e estaría destinado a poñer en marcha diferentes iniciativas, estudos e programas de actividades.

Ortega fixo o anuncio da liña de axudas no marco dunha visita ao Museo das Salgadeiras de Moreiras no Grove, unha instalación etnográfica e cultural que funciona desde o 2007 despois de se reconstruíren dous almacéns de salga dos primeiros anos do 1800, un convertido nunha sala de museo e outro aberto coas instalacións rehabilitadas tal como eran hai máis de 200 anos.

O presidente do colectivo, Miguel Ángel Pérez, que se mostrou interesado nas futuras subvencións provinciais, explicoulle á deputada que a Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras colabora xunto co Concello d0 Grove e a Comunidade de Montes de San Vicente para promover o desenvolvemento, crecemento e posta en valor das instalacións organizando diferentes actividades ao longo do ano, así como estudando o impacto da industria salgadeira na zona e na ría de Arousa.

Pérez indicou que na actualidade o colectivo está a realizar un traballo de catalogación das 26 bases de salga que houbo no Grove e que supuxeron no seu momento unha pequena “revolución industrial”. No momento de maior auxe estiveron activas ao tempo 18 e cada unha dáballe traballo a medio cento de mulleres, uns sete ou oito homes e tamén a nenos e xente embarcada no mar nun concello que por aquel entón tiña unha poboación de 1.200 persoas.