María Reimóndez presentara o seu úlitmo libro “As estacións do lobo” en Vigo

Publicado por o día 07/11/2019 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

María Reimóndez presentara o seu úlitmo libro “As estacións do lobo” en Vigo

O martes 12 de novembro de 2019, ás 20:30 horas, no Café de Catro a Catro, rúa Girona 16, Vigo, terá lugar a presentación do libro As estacións do lobo de María Reimóndez.

O libro

É inverno, a neve cae sobre Múnic e Clara atópase perdida. Sen comprender moi ben como, errou o camiño que a levaba a converterse nunha brillante adestradora canina no seu Lugo natal e rematou alá, nun banco conxelado do Englischer Garten. Todo por aquilo que a xente denominaba «amor». Mais, que era o amor a fin de contas? Era aquilo que estaba vivindo ou a posibilidade de algo diferente? Desde a domesticación ata a liberación salvaxe, Clara tentará, facendo o camiño inverso do can ao lobo, reconstruírse para reconstruír o mundo que a rodea. Un proceso no que non avanzará soa: Gaia, MK, Aurora, Saínza e unha morea de cans marcarán un camiño no que amar non consista nos soños que nos venden e se centre en desatar o salvaxe; en atopar a manda. Esta nova entrega do Ciclo dos elementos explora os límites do amor, do arraigamento e da nosa capacidade para crear mandas que nos protexan no día a día dos afectos.

A Autora

María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. O seu primeiro libro publicado foi o poemario «Moda Galega» (2002), ao que regresou nunha reescrita dez anos máis tarde en «Moda Galega reloaded» (2013); posteriormente publicou «kleinigkeiten/cousiñas» (2013) e «Presente continuo» (2013). En 2017 gañou o Premio de Poesía Johán Carballeira con «Galicia en bus». Como narradora, é autora das seguintes novelas: «O Caderno de Bitácora» (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; «O club da calceta» (2006), finalista do Premio Xerais 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés, e adaptada á escena e ao cine; «Pirata» (2009), traducida ao italiano; «En vías de extinción» (2012), traducida ao castelán; «Dende o conflito» (2014), Premio Xerais de Novela; «A música dos seres vivos» (2015); «A dúbida» (2016), Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas; «As cousas que non queremos oír» (2017) e «As estacións do lobo» (2019). No ámbito da literatura infantil e xuvenil é autora de «Usha» (2006), finalista do Premio Merlín 2005, «Lía e as zapatillas de deporte» (2008), «O monstro das palabras» (2009), «Volvo! O regreso de Usha» (2014), «Corredora» (2017), «Fóra do normal» (2018), Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, e «A formiga destemida» (2020). Como ensaísta publicou «Feminismos» (2013), en coautoría con Olga Castro, «A alternativa está aquí» (2014) e «Corpos exorbitantes» (2017), Premio Xohana Torres de Ensaio. En 2015 a AGE concedeulle o Premio Xosé María Álvarez Blázquez á autora do ano. É fundadora da ONG de cooperación ao desenvolvemento Implicadas. O seu relato «A esencia da cidade» pode ser descargado en PDF: http://blog.xerais.gal/wp-content/uploads/2016/11/A_esencia_da_cidade.pdf

Acto

No acto acompañarán á autora Ánxela Lema, Eva Mejuto, Montse Paz, Mercedes Peón e Eva Teijeiro.