María Rey: “A onda ‘expansiva’ dos orzamentos municipais do BNG ten pouca mecha”

A concelleira de Cidadáns Pontevedra rexeitou no pleno as contas propostas polo Bloque para o 2019
Publicado por o día 15/12/2018 na sección de Ciudadanos,Política

María Rey: “A onda ‘expansiva’ dos orzamentos municipais do BNG ten pouca mecha”

A concelleira de Cs Pontevedra, María Rey, votou onte en contra do orzamento municipal para o 2019 na sesión celebrada pola corporación.
 
Na súa intervención, a edil comparou as catro memorias das contas presentadas polo Bloque no actual mandato e sacou a relucir as continuas repeticións de obxectivos nos exercicios do 2016, 2017, 2018 e 2019. Así, incidiu en que, a pesar de que os nacionalistas incluíron a cualificación destes orzamentos como “expansivos” ou “ expansionistas” en todos os presentados, “a onda ‘expansiva’ destas contas ten pouca mecha”.
 
Para Rey, os orzamentos do 2019 “son máis do mesmo, nada novo no horizonte”. “As mesmas palabras, os mesmos números, as mesmas declaracións de intencións, máis do mesmo. Iso fai imposible o meu voto a favor”. A concelleira concluíu que “Pontevedra necesita luz, limpeza, seguridade nas rúas, atención aos que menos teñen, coidar os seus barrios, impedir que as persoas maiores caian na rúa cada dúas por tres por culpa dun mantemento inadecuado, empresas que poidan crecer e expandirse, transporte, diálogo permanente cos veciños e as veciñas, uns funcionarios cunha RPT deste século, un plan xeral adaptado ao tempo no que vivimos, unha política de promoción económica que pense ao grande e non en pequeno… E non titulares que repiten o mesmo ano tras ano, as mesmas contas ano tras ano, as mesmas promesas ano tras ano. Pontevedra necesita un cambio nos seus orzamentos que permita que a cidade creza e modernícese, e todo iso non está incluído nos orzamentos que vostedes por desgraza van aprobar”.
 
A concelleira respondeu ao BNG, que criticara a “cara” de Cs por defender os Servizos Sociais. “Cara -afirmou– é presumir de ser de esquerdas e facer unha política neoliberal, privatizando todos os servizos. Cara é ter uns traballadores cos que non se negocia e aos que non se defende. E cara é ter abandonados os Servizos Sociais. Eu si teño cara para defendelos. Toda a do mundo. Se cadra o que algún non ten é vergoña”.
 
Doutra banda, Cs Pontevedra sumouse ás propostas de veciños de Mollavao para esixir as melloras comprometidas no barrio desde hai dous anos e de Lourizán, en contra do anteproxecto de emisario submarino que propón a Xunta. A concelleira María Rey tamén se mostrou a favor da elaboración dunha nova RPT do Concello, que reclaman os funcionarios desde hai anos. E Cs e o PP presentaron un rogo á concelleira de Educación para que se reúna cos pais e nais de alumnos do colexio Barcelos, ante as dúbidas xurdidas polo traslado do transformador eléctrico.