Marin acolleu un novo encontro socialista arredor do peso da mobilidade e o urbanismo como motor de dinamización para os concellos

O candidato á alcaldía de Marín, Manuel Pazos, expuxo a necesidade de poñer en marcha solucións de mobilidade que fagan Marín atractivo e accesible e contribuan a fixar poboación
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de Galicia,Marín,Política,PSOE

Marin acolleu un novo encontro socialista arredor do peso da mobilidade e o urbanismo como motor de dinamización para os concellos

O urbanismo como ferramenta imprescindible para a dinamización dos concellos centrou a terceira das mesas sectoriais impulsadas polos socialistas da provincia de Pontevedra nun encontro celebrado en Marín que serviu para poñer sobre a mesa algúns dos problemas deste concello e as solucións propostas polo candidato á alcaldía de Marín, Manuel Pazos.

Pazos denunciou na súa intervención a parálise na que se atopa o desenvolvemento do plan urbanístico de Marín e a perda de poboación deste concello unido, problemas que, xunto á falla de rehabilitación dos cascos históricos e o estacamento do comercio local, fan que Marín se atope nunha situación de “fallo multiorgánico”. “Nós propoñemos facer posible habitar Marín, e para iso é preciso poñer en marcha unha serie de accións nas que o urbanismo xoga un papel fundamental”, explicou.

O candidato á alcaldía de Marín destacou entre as súas propostas a recuperación dos casos antigos, tanto o histórico de Marín como o de Cantodarea, o impulso real do PXOM, abordar os problemas de abastecemento e saneamento no rural ou a rehabilitación de espazos públicos a través da mellora da mobilidade coa creación de máis de 800 prazas de aparcamento, entre outras medidas que contribuirían a facer este muncipio máis atractivo.

A responsable da área de Urbanismo na agrupación local de Marín, Iria Sobrino, pola súa banda tamén aportou a súa visión profesional sobre os retos urbanísticos a curto, medio e longo prazo que debe afrontar a vila para parar o retroceso no peso económico e demográfico que está a vivir nos últimos anos.

Casos de éxito e experiencias noutros concellos

Tamén houbo espazo para falar da necesidade de reconfigurar a fachada marítima e aí entrou a experiencia de Vilagarcía de Arousa. O seu alcalde, Alberto Varela, tamén tomou parte neste encontro, aportando a súa experiencia na posta en marcha de melloras de mobilidade e rehabilitación urbanística que deron excelentes resultados no concello vilagarcían a través do plan de accesibilidade e mobilidade posta en marcha polo seu goberno e con iniciativas como a semana da mobilidade ou o proxecto de creación de ciclovías para promover o uso da bicicleta entre a veciñanza.

A mesa completouse coa participación dos deputados autonómicos, María Pierres e o provincial, Carlos López Font, que aportaron a súa visión.

A deputada autonómica María Pierres fixo fincapé no fracaso estrepitoso das políticas de vivenda da Xunta de Galicia. “A día de hoxe hai 50 demandantes de vivendas sociais para os que non se teñen articulado ningún tipo de resposta”, explicou Pierres, que destacou que as últimas promocións de vivenda pública construídas en Marín datan dos anos 90. “Marín debe recuperar o seu orgullo como vila e atopar un modelo de cidade que lle permita fixar poboación e que vivir en Marín no sexa unha obriga, senón a mellor das opcións”.