Marina Ortega: “O goberno galego é o segundo do Estado que menos inviste por habitante en Dependencia”

Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Política,PSOE

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, acusou hoxe ao goberno galego de ter continuado cos recortes nas axudas á Dependencia iniciados por Rajoy en 2012 ata situar a Galicia como a segunda Comunidade Autónoma do Estado que menos inviste por habitante neste apartado, tan só superada por Canarias.

Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que lle reclamou ao goberno galego que utilice as partidas adicionais postas a disposición polo Estado para reforzar os recursos e recortar as listas de espera para recibir a atención á Dependencia. Explicou que Galicia será a Comunidade Autónoma que máis incremente as aportacións do Estado, con 45 millóns de euros do Plan de Choque previsto de 600 millóns de euros para 2021 que continuará nos exercicios 22 e 23.

Instou á Xunta a abandonar a desatención e os recortes á Dependencia que ven de ratificar a Asociación Estatal de Directores e xerentes de Servizos Sociais, que no seu informe alerta do investimento pírrico do goberno galego no exercicio 2019, o último pechado ata o momento. Reivindicou “maior investimento para atallar as consecuencias que derivan desta situación” e que provocan retrasos medios de un ano para resolver expedientes, o dobre do marcado pola Lei.

Ortega apelou ao goberno galego a colaborar para restaurar a desfeita provocada polo PP dende o goberno do Estado, co aplauso entusiasta de Feijóo, e que provocou que as comunidades autónomas deixaran de percibir 850 millóns de euros. Ademais, explicou, endureceron as condicións e as axudas aos beneficiarios, que deixaron que percibir 1.500 millóns de euros do Estado.

Advertiu que estes “recortes sangrantes” dificultan agora volver á situación anterior a 2012 en apenas un ano, e que comezou co Plan de Choque dirixido a reducir as listas de espera, incrementar as prestacións, mellorar o financiamento, revisar os copagos, as condicións dos coidadores e avanzar nun servizo de calidade aos dependentes.

Servizo de Axuda ao Fogar

Marina Ortega tomou as demandas do goberno galego ao Estado para reclamarlles que “exerzan a mesma empatía que lle reivindican á administración central para axudar aos Concellos, que piden un reforzo das partidas para desenvolve o Servizo de Axuda ao Fogar. Explicou que o goberno galego ten conxeladas as contías que lles remite aos concellos dende 2010, ata o punto de que hoxe son as administracións locais as que asumen a maior parte do financiamento do SAF.

Explicou que a Xunta incrementa as horas do Servizo de Axuda ao Fogar pero non incrementa as súas aportacións, obrigando aos concellos a asumir un sobrecuste imposto dende o goberno autonómico, e advertiu de que “os prezos van subindo, e a contía que ofrece a Xunta por hora do SAF tamén ten que subir”.