Mariñeiros galegos e mariñeiras galegas denuncian en Bruxelas que as políticas da UE só xeran a destrución do emprego

A delegación galega convidada por Lídia Senra a participar no evento internacional criticará os TACs e a subvención dos desguaces da frota
Publicado por o día 08/09/2016 na sección de AGE,Galicia,Política,Vigo

Mariñeiros galegos e mariñeiras galegas denuncian en Bruxelas que as políticas da UE só xeran a destrución do emprego

A delegación galega convidada por Lídia Senra a participar no evento internacional criticará os TACs e a subvención dos desguaces da frota.

“Galicia é, dentro da Unión Europea, un dos países máis altamente dependente do mar, e as actividades relacionadas coa pesca, marisqueo e acuicultura teñen unha significación socio-económica enorme, tendo un grande efecto multiplicador nas empresas distribuidora e transformadora. A escasea de cotas obriga a amarrar barcos, perdendo capacidade de xerar riqueza, e as políticas da UE ano tras ano levan á precariedade laboral e á destrución de emprego. Se non reaccionamos pronto, será tarde”.  Son palabras de Javier Castro, armador dunha embarcación de pesca de baixura adicada ao percebe e directivo da confraría de pescadores de Ferrol, que este mércores pola tarde intervirá no Parlamento Europeo, dentro da xornada “Defensa e protección da pesca artesanal e de pequena escala” que organizada o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e que xunto con representantes irlandeses e portugueses estivo a coordinar a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europea (AGEe) Lídia Senra.

Javier Castro será na mesa de relatores deste seminario internacional a voz do sector pesqueiro galego hoxe e tomará a palabra para denunciar en Bruxelas que as políticas da UE “só xeran a destrución de postos de emprego, tanto directos como indirectos”. No seminario, para o que se desprazaron ata Bruxelas case unha vintena de mariñeiras e mariñeiros galegosprocedentes de Poio, Corcubión, Cee, Muxía, Vigo, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Viveiro e Ribadeo, as e os pescadores galegos denunciaron que o tipo de “xestión empresarial” que leva anos aplicando a UE e o sistema de cotas e de TACs fai que os grandes perxudicados sexan os buques pesqueiros que desenvolven a súa actividade nas poboacións costeiras. “Estamos ante un sistema capitalista mercantilista que nos vai levar a que os pequenos armadores van desaparecer  e as cotas pesqueiras van concentrarse nas mans duns poucos, dos que teñen diñeiro para compralas, de xeito que os ricos serán máis ricos e os pobres cada vez máis pobres”, denunciará.

Castro referirase tamén á maneira actual de avaliar o estado recursos e criticará que “os científicos non teñen comunicación cos pescadores”, xa que, ao seu xuízo, “senón non se explica que uns digan que non hai peixe e impoñan TACs á baixa, e outros, os mariñeiros, digamos que si que hai peixe porque o vemos todos os días no mar”.

Da mesma maneira, o pescador galego poñerá a énfase na súa intervención en criticar que a política da UE non exclúa a pesca artesanal dos TACs e cotas, “cando debería de estar exenta” e defenderá que o Estado español debería de aplicar a súa “soberanía exclusiva nas 12 millas”.

Desde o ano 2004 a 2015, os buques pesqueiros con base na Galiza reducíronse nun 20,3%, pasando de 5.565 no ano 2004 a 4.438 no 2015. No caso dos barcos de altura en zona comunitaria, reduciuse nun 50% dende o 2004 ao 2015. Respecto das artes menores, o efecto vese agravado coas capturas accidentais e a frota de artes menores do caladoiro no ano 2015 tiña 935 buques menos que en 2004.

Na súa quenda, Javier Castro tamén terá tempo para falar da política de axudas e subvencións. Neste sentido, criticará que a UE “estea a subvencionar os desguaces, a paralización definitiva e o abandono da actividade”. “As axudas que recibe o sector son subvencións para desguazar a frota e o Estado español acepta os TACs e cotas establecidas pola UE, recoñecendo sobrefrota e elaborando un plan de acción para eliminar 10 barcos mensuais ata 2020, do cal Galiza acapara o 42,2%”, explicará. “O que se fomenta é precisamente o despezamento da frota artesanal, xa que é moi significativo que as primas por GT para os barcos de menos de 12 metros sexan ata 4 veces máis que as de barcos de máis de 18 metros”, denunciará.

Castro concluirá o seu relatorio preguntando tamén a onde foron parar os cartos europeos para sanear as rías galegas, facendo referencia a unha mala xestión que está levando a que se perdan moitas zonas de produción por culpa da contaminación mariña.

Fotos da xuntanza no parlamento europeo da delegación galega de mariñeiros e mariñeiras e a eurodiputada Lídia Senra