Marisol Díaz trasládalle aos veciños de Xinzo o novo proxecto de mellora da avenida de Celanova de Xinzo acordado co Concello e que evita a tala de árbores

A delegada territorial da Xunta mantivo unha reunión con representantes da veciñanza e explicoulles que a reforma inicialmente prevista respondía á demanda municipal de manter dous sentidos de circulación, o que facía imprescindible a tala das árbores para garantir a seguridade viaria
Publicado por o día 16/05/2017 na sección de Galicia,Ourense,Vigo,Xunta de Galicia

Marisol Díaz trasládalle aos veciños de Xinzo o novo proxecto de mellora da avenida de Celanova de Xinzo acordado co Concello e que evita a tala de árbores

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo esta mañá unha xuntanza cunha representación dos veciños do concello de Xinzo de Limia para trasladarlles de primeira man a decisión da Consellería de Infraestruturas e Vivenda de reformular o proxecto de acondicionamento da avenida de Celanova nesa localidade, para transformala nunha vía urbana que manteña as árbores.

O proxecto agora desestimado respondía ás demandas presentadas no seu día polo Concello de Xinzo que pretendía canalizar por esa vía o tráfico de entrada e saída na vila. Desa forma, preveuse unha reorganización da sección transversal para ampliar a calzada e manter os dous sentidos de circulación, o cal facía imprescindible a tala das árbores para garantir a seguridade viaria.

Díaz Mouteira explicoulles aos veciños que, logo de que a Administración local trasladoulle á Xunta a súa postura a favor dun cambio de formulación que permita atender as demandas veciñais canto á conservación das árbores, o departamento autonómico decidiu desistir da execución dese proxecto de mellora acordado inicialmente co Concello e reformulalo. A solución adoptada pola Xunta pasa pola transferencia da titularidade da avenida de Celanova ao Concello de Xinzo, para que proceda á súa reforma conforme as características propias dunha vía urbana, cun só sentido de circulación.

Así mesmo, a delegada territorial explicoulles que esa reformulación no proxecto prevé canalizar o tráfico de entrada e saída da vila cara á N-525 a través dun treito de circunvalación, que estará conformado por varias vías municipais que terán que ser melloradas e acondicionadas a tal efecto.

Marisol Díaz trasladoulles aos representantes da veciñanza de Xinzo de Limia que o Goberno galego mantén o compromiso de investimento nesta reorganización viaria, que no proxecto agora desestimado cifrábase en máis de 460.000 euros.