Marta Dacosta: “ É posíbel recuperar os 8 mil postos de traballo que se destruíron no naval de Vigo”

A candidata número 3 de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, mantivo un encontro con responsábeis sindicais do sector.
Publicado por o día 22/09/2016 na sección de BNG,Eleccións Galegas,Naval,Vigo

Marta Dacosta: “ É posíbel recuperar os 8 mil postos de  traballo que se destruíron no naval de Vigo”

“Para nós volver poñer en marcha a construción naval é unha verdadeira prioridade nacional”. Esa foi a mensaxe contundente que a candidata número 3 de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, a viguesa Marta Dacosta, lle trasladou esta tarde a responsábeis sindicais da CIG do sector. Dacosta que estivo acompañada polo responsábel local do BNG en Vigo, Serafín Otero, explicou que no programa electoral da formación nacionalista recóllese un Plan específico de impulso ao sector naval.

O plan desenvolverase a partir do desenvolvemento da Lei do Sector Naval de Galiza, aprobada en 2010 mais que “o Partido Popular non quixo aplicar”, asegurou. Aliás, garantirá soporte financeiro tanto aos estaleiros como á industria auxliar para lles permitir acometer novos proxectos e captar pedidos tanto domésticos como internacionais. O Bloque aposta nunha “intervención pública decidida” no sector, que permita reactivar as “enormes potencialidades produtivas que ten o sector en Galiza”.

A candidata nacionalista asegurou que o BNG será garantía dunha nova política industrial que poña fin á situación de “emerxencia produtiva” que se padece na comarca de Vigo, e que ten graves consecuencias tanto no a nivel de desemprego como de empobrecemento. “Estes anos demostraron que as promesas electorais e os anuncios non serviron para volver poñer en marcha as gradas dos estaleiros. É necesario un compromiso real da Xunta de Galiza cun sector estratéxico”, reclamou.

“Recuperar os 8.000 postos de traballo directos que se destruíron nos últimos anos no naval da Ría de Vigo, é posíbel. Só exixe dun Goberno galego que deixe de ollar para outro lado mentres se destrúe a base industrial do país. O BNG imos ser garantía de que o naval sexa unha verdadeira prioridade política”, asegurou.

Dacosta trasladoulle tamén aos responsábeis sindicais o compromiso do Bloque por mellorar e equiparar as condicións laborais e salariais no sector, en claro retroceso nos últimos anos.