Marta Fernández-Tapias contrapón a dilixencia coa que actuou a Xunta fronte ao atraso de 8 meses dos informes do goberno central

representante do Executivo autonómico precisa que en pouco máis dun mes se elevou o expediente á Comisión Superior de Urbanismo, como paso previo e preceptivo para a súa aprobación no Consello da Xunta o pasado xoves
Publicado por o día 30/11/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Marta Fernández-Tapias contrapón a dilixencia coa que actuou a Xunta fronte ao atraso de 8 meses dos informes do goberno central

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha xuntaza coa directiva de Conxemar, para analizar a situación actual da ampliación do recinto ferial de Vigo, co obxectivo de incrementar a competitividade das instalacións e consolidar a celebración de eventos de referencia no ámbito europeo e internacional como Conxemar, Navalia e Mindtech.

Tras a reunión, á que acudiu o presidente de Conxemar, José Luis Freire, e o vicepresidente primeiro, Eloy García, a representante autonómica sinalou que a obra poderá licitarse de xeito inmediato en canto o Concello de Vigo poña os terreos á disposición da Xunta.

Fernández-Tapias defendeu así a dilixencia do Goberno galego en todo este proceso fronte ao atraso de 8 meses dos informes correspondentes ao Estado. “Nós tiñamos en marzo todo resolto e ata o pasado 20 de outubro non recibimos o último dos informes do Executivo central”, dixo. A representante do Executivo autonómico precisou que en pouco máis dun mes se elevou o expediente á Comisión Superior de Urbanismo, como paso previo e preceptivo para a súa aprobación no Consello da Xunta o pasado xoves

Desde que se anunciou a ampliación, a cuarta deste recinto feiral, “a Xunta de Galicia non perdeu un solo minuto en traballar arreo por ter en tempo e forma os informes necesarios para cumprimentar o expediente, de marzo e ata outubro estivemos á espera do Goberno central”, subliñou. Deste modo, tras lamentar o tempo perdido, a delegada instou ao Concello vigués a axilizar ao máximo o proceso de expropiación.

“O prazo de execución aprema a iniciar canto antes os traballos, polo que esperamos que non sufra máis atrasos”, apuntou Fernández-Tapias, ao tempo no que insistiu en que esta actuación certifica o compromiso da Xunta con Vigo e co Ifevi, como demostrou en 2018 cando investiu máis de 4 millóns de euros na ampliación anterior. En total, desde 2005 a Xunta leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suman agora os 7,65 millóns de euros previstos pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para esta nova actuación.

Pola súa banda, tanto Freire como García agradeceron en nome da xunta directiva de Conxemar a implicación amosada desde o inicio por parte da Xunta de Galicia que, segundo as súas propias palabras, comparte o obxectivo común de que a obra estea lista para a próxima convocatoria do 2021.

Comentar noticia

Your email address will not be published.