Marta Fernández-Tapias entrega as chaves da vivenda de promoción pública de Cruz Verde 12 a unha nova veciña do Casco Vello vigués

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta pon en valor a importancia de promover vivendas de protección, nomeadamente na cidade viguesa cos maiores rexistros de demandantes de entre as urbes galegas
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada Territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, entregou hoxe as chaves da vivenda de promoción pública de Cruz Verde 12 a unha nova veciña do casco vello vigués. Un contexto no que aproveitou para pór en valor o importante esforzo inversor que está a facer o Executivo autonómico na cidade en materia de vivenda de promoción pública.

Así, referiuse ás 62 novas vivendas públicas promovidas polo Goberno galego en Cambeses e Ignacio Grobas e ás 1.600 vivendas proxectadas en Navia, que se suman á intensa labor de rehabiltación do barrio histórico por parte do Consorcio Casco Vello de Vigo, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello, e que se traduce na adquisición de 82 inmobles, 110 vivendas postas a disposición da veciñanza e 33 locais.

A este respecto, botou en falla unha maior implicación por parte do Goberno local en materia de vivenda, pois circunscribiu a súa xestión neste ámbito á promoción de vivenda privada. Na súa opinión, tendo en conta que Vigo marca os maiores rexistros de demandantes de vivenda entre as urbes galegas, entende que a promoción de vivenda de protección pública debería ser unha prioridade para a Administración municipal.

Segundo dixo, a política da Xunta nesta materia vén a cubrir unha carencia manifesta, unha situación que se viu agravada pola anulación xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que mantén o urbanismo de Vigo nun limbo cinco anos despois.

Fronte a esta situación, Fernández-Tapias sinalou que as contas autonómicas para o 2021 reflicten unha aposta decidida neste ámbito, destinando a vivenda na cidade máis de 12,5 millóns de euros. Asemade, de novo o Goberno galego volve a duplicar o investimento do Consorcio Casco Vello de Vigo incluíndo nos orzamentos do 2021 unha partida de 3,18 millóns de euros.

Respecto ás novas actuacións, a presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo volveu a insistir na necesidade de que o Concello vigués habilite os mecanismos expropiatorios que se precisan para adquirir ata un total de cinco inmobles que se ten identificados como potencialmente rehabilitables no barrio histórico. “Non é un problema de fondos, senón de vontade política”, advertiu a representante autonómica, que insistiu unha vez máis na “vella aspiración do Consorcio” de que o alcalde de Vigo firme “dunha vez por todas” o convenio de expropiación que mantén paralizado desde o 2017.

“É a única vía para que podamos seguir investindo na parte alta”, sinalou, en clara referencia a varios inmobles que o ente rehabilitador non é quen de adquirir por diversas circunstancias como a imposibilidade de acordo entre os seus propietarios. Segundo cifrou, “estariamos a falar concretamente de cinco edificacións”, as correspondentes a Ferrería 1, Abeleira Menéndez 14, San Sebastián 20 e Subida ao Castelo 9 y 11.