Marta Fernández-Tapias supervisa o remate das obras do tramo de concentración de accidentes na PO-552 ao seu paso por Nigrán

Apunta, entre os traballos nesta vía, na que se investiron 400.000 euros, a mellora de catro interseccións, a construción de dúas glorietas e a instalación de balizas
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Galicia,Nigrán

A delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto ao alcalde de Nigrán, achegouse hoxe ata a PO-552 para supervisar o remate dos traballos para eliminar os treitos de concentración de accidentes en 3 quilómetros desta estrada ao seu paso pola citada localidade.

Unha actuación que, tal e como detallou supuxo a mellora de catro interseccións, a construción dunha glorieta e a instalación de balizas. En conxunto, dixo, investíronse 400.000 euros co obxectivo de reforzar a seguridade viaria na vía autonómica ao seu paso por Nigrán, entre as rotondas de acceso á autoestrada e Sabarís.

Segundo concretou Fernández-Tapias, o proxecto consistiu na instalación dunha semiglorieta na contorna do acceso á autoestrada en Nigrán, así como unha nova rotonda na intersección da rúa Rans coa PO-552. Tamén se mellorou o acceso ao Camiño Carballal cun carril central e unha semiglorieta e se reordenaron as entradas ás rúas Cruceiro e Sarmiento con outro carril de espera no centro da calzada. Así mesmo, deseñouse un cambio de sentido no acceso á rúa Manuel González Prado, en Cotros, e outra rotonda na rúa Valle-Inclán, así como melloras no cruce coa rúa Romana, na Ramallosa.

A intervención, tal e como remarcou Fernández-Tapias, incluíu a construción de novos tramos de beirarrúas complementarios a estas melloras e a sinalización de pasos de peóns para mellorar a súa visibilidade, así como balizas para impedir aparcadoiros indebidos en varios accesos da marxe esquerda da Avenida Foz do Miñor, xa en Baiona.

A este respecto, a delegada puxo o acento no importante esforzo inversor que o Goberno galego está a facer en infraestruturas para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na comarca, tales como a eliminación de tramos de concentración de accidentes ou os itinerarios incluídos no Plan de Sendas de Galicia.

Así referiuse a outros puntos de actuación nesta mesma estrada, como o son os TCA da PO-552 ao seu paso por Vigo e entre Saiáns e Priegue.

E ao fío das melloras en materia de mobilidade, a delegada quixo recordar que AG-57, que une Vigo e Baiona, continúa a ser das autoestradas máis baratas de España ao manter estable o seu prezo no caso dos vehículos lixeiros, agás no treito A Ramallosa-Baiona, que baixou 5 céntimos. No caso dos vehículos pesados de tipo 1, baixaron 5 céntimos as peaxes dos treitos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona. E para os vehículos pesados de tipo 2, aplicáronse rebaixas de 5 céntimos en 7 dos 11 centros da autoestrada.

Neste 2021, a Xunta segue a aplicar o réxime de bonificacións de peaxe que se vén aplicando tanto para usuarios frecuentes, que realizan a viaxe de ida e volta no mesmo día, como para os que realizan as viaxes en horario nocturno. E como novidade, este ano comezarán a aplicase bonificacións para as familias numerosas