Marta Míguez destaca ao ciclismo como “un gran aliado” para acadar o deporte “global, inclusivo, igualitario e solidario” que quere Galicia

Enumera algúns dos éxitos do ciclismo galego ao longo dos seus 130 anos de historia como as tres Vueltas Ciclistas a España gañadas por Delio Rodríguez, Emilio Rodríguez e Álvaro Pino ou o Tour de Francia de Óscar Pereiro
Por o 28/01/2018 | Sección: Ciclismo,Deportes
Marta Míguez destaca ao ciclismo como “un gran aliado” para acadar o deporte “global, inclusivo, igualitario e solidario” que quere Galicia

A Secretaría Xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou no serán de onte na Gala do Ciclismo Galego 17 organizada pola Federación Galega de Ciclismo e que tivo lugar no Auditorio Municipal de Lalín. Nas súas verbas, a titular do deporte galego, asegurou que o ciclismo e a súa Federación son un “gran aliado” para acadar un deporte “global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas; un deporte que non entende de xénero, nin de idades, nin de condicións e un deporte solidario”. Así o fixo despois de lembrar a historia de Borja Gómez, un rapaz galego con síndrome de down que o pasado 13 de xaneiro remataba con éxito o Campionato de España de ciclocross en categoría cadete disputado en Legazpi (Guipúscoa).

A secretaria xeral destacou a oferta diversa que o ciclismo galego pon a disposición dos deportistas e destacou a gran variedade de disciplinas como o ciclismo de estrada, ciclocross, cicloturismo, BMX ou bicicleta todo terreo (cross country, maratón, enduro, downhill).

Ao longo da súa intervención, Marta Míguez enumerou algúns dos éxitos do ciclismo galego ao longo dos seus 130 anos de historia como as tres Vueltas Ciclistas a España gañadas por Delio Rodríguez, Emilio Rodríguez e Álvaro Pino ou o Tour de Francia de Óscar Pereiro.

A responsable da carteira de deporte da Xunta de Galicia resaltou tamén a importancia de especialidades máis modernas como a bicicleta todo terreo (BTT) onde destacou a figuras como Pablo Rodríguez ou Iván Feijóo; ou o ciclocross, onde dixo que mulleres como Irene Trabazo tamén son un valor seguro no ciclismo galego.

Tras afirmar que o ciclismo en Galicia “atópase en plena vixencia”, Marta Míguez lembrou as 7.632 licencias federativas que existen na nosa comunidade e amosou o seu convencemento de que “esta nova tempada será unha tempada na que se unirán moitos máis deportistas ao pelotón galego, pero, sobre todo, será unha tempada de moitos máis éxitos para os nosos corredores”.

Premio Ciclismo Seguro

A Gala do Ciclismo Galego recoñeceu o labor da Consellería de Infraestruturas e Vivenda a prol da seguridade viaria e da protección dos deportistas como usuarios vulnerables das estradas. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, recolleu o recoñecemento e asegurou que a Xunta de Galicia reforzará neste ano 2018 a liña de colaboración aberta coa Federación Galega de Ciclismo, cooperando no fomento da visibilidade destes deportistas nas estradas e da súa seguridade.

Cómpre lembrar que segundo a Proposición non de Lei aprobada o pasado 11 de xullo polo Pleno do Parlamento de Galicia sobre a demanda ao Goberno de España de medidas que contribúan a garantir a seguridade viaria dos ciclistas, a Xunta de Galicia deu traslado ás institucións correspondentes deste acordo que inclúe propostas como a reforma do código penal, unha maior control e sinalización nas estradas e a realización de campañas de sensibilización.

Premios Gala Ciclismo Galego 17

Entre os ciclistas galardoados estarán o preto de medio cento de vencedores dos rankings FGC 2017 das distintas modalidades: estrada, ciclocross, BTT XCO, BTT maratón, BTT enduro e BTT DHI. Ademais de premiar aos mellores no calendario autonómico, tamén se homenaxeará a aqueles que ocuparon postos de podio nas clasificacións finais dos opens e copas de España. Concederanse 20 galardóns por este motivo, dobrando a cifra do ano anterior. Do mesmo xeito, recoñeceranse os éxitos nos Campionatos de España. Ata en dez grandes citas estatais houbo representación galega no podio e a nómina de medallistas superou a trintena.