Masterclass gratuita en directo en IESIDE sen muros sobre «Transformación dixital, Industria 4.0 e Pemes»

A experta en internacionalización de empresas ligada á innovación e transformación dixital, Ana Teresa Lehmann, falará mañá mércores 16 de decembro sobre como o novo contexto provocado pola COVID19 actúa como un acelerador na dixitalización

Ana Teresa Lehmann, doutora en Economía e experta en internacionalización de empresas ligada á innovación e transformación dixital, falará mañá mércores 16 de decembro ás 19.00 h sobre «Transformación dixital, Industria 4.0 e Pemes: visión desde o Eixo Atlántico» no contexto de como o impacto da pandemia está a actuar como un acelerador da dixitalización nunha sociedade na que a permanente conectividade é o «cemento» dunha nova economía e sociedade. A inscrición neste encontro pode realizarse aquí.

O Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa, institución de ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, promove a iniciativa IESIDE sen muros na que, nesta nova edición, relatoras de prestixio no ámbito académico nacional e internacional, impartirán sesións virtuais gratuítas en directo e interactivas ao longo dos meses de decembro e xaneiro.

«Transformación dixital, Industria 4.0 e Pemes: visión desde o Eixo Atlántico» exporá como a dobre disrupción Industria 4.0-COVID19 pode incidir nos modelos de negocios e estratexias empresariais, nunha economía de plataformas hiperconectada na que o concepto de mercado está a cambiar radicalmente. A sesión dedica unha atención especial ás Pemes e á inserción de territorios como Galicia e Portugal nas cadeas de valor resultantes da nova orde global.

Ana Teresa Lehmann traballa desde hai dúas décadas na docencia, a xestión pública e privada e na consultoría. Secretaria de Estado de Industria de Portugal entre 2017 e 2018, consultora de organizacións internacionais (OCDE, UNCTAD, Comisión Europea etc.), actualmente é presidenta do Comité de Investimentos do Fundo de Innovación Social e do Consello Xeral do Fondo de Fondos para a Internacionalización (Portugal) e profesora na Universidade de Porto. Doutorada en Economía pola Reading University (Reino Unido), recibiu varios premios de excelencia académica e á súa carreira profesional e mantén unha presenza activa en diversos foros profesionais e en medios de comunicación sobre investimento estranxeiro e internacionalización. As seguintes sesións serán no mes de xaneiro. Carlos Escario falará sobre «Creces ou envelleces? O antiaging organizativo» o próximo 12 de xaneiro e Nieves Cifuentes abordará a sesión «Cara á enerxía do futuro: do homo sapiens á enerxía circular» o 14 de xaneiro.

Os contidos de IESIDE sen muros abordan diferentes ámbitos de interese xeral e profesional, vinculados ás áreas de especialización, docencia e investigación de IESIDE e que son de amplo interese xeral. As sesións teñen un carácter interactivo, abrindo unha canle de participación ao público, e complétanse cun programa específico dirixido á comunidade de estudantes de IESIDE.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario