O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por que o Centro Superior de Hostalería sigan sendo para Arxentina un referente como xa o é na actualidade o CSHG en materia de xestión hostaleira.
Durante o acto de inauguración do Obradoiro de Sabores en Mar del Plata, Feijóo expresou o convencemento de que esa relación sairá fortalecida trala celebración deste evento, pero tamén a través da colaboración que o centro de hostalería mantén con este país desde a súa creación. Non en van, desde 2017 deuse un paso máis coa sinatura dun convenio entre a Xunta e a Federación Empresarial Hotelera de la República Argentina (FEHGRA), para que o CSHG fose o centro de referencia en materia de dirección e xestión hostaleira e de capacitación para os seus directivos.
O titular do Executivo galego referiuse a este obradoiro de sabores como unha oportunidade para amosar o que os galegos fan cada día, “que non é outra cousa que apostar pola calidade”. “A nosa marca é Galicia, e Galicia é sinónimo dun lugar onde as cosas se coidan. Galicia Calidade”, dixo, incidindo en que a gastronomía é unha das maiores oportunidades coas que conta a Comunidade para logralo.
Durante o acto de inauguración, Feijóo destacou a habilidade e o coñecemento de Daniel Guzmán, ao mando deste obradoiro, referíndose a el como “claro expoñente dese tándem: produtos de calidade e cociñeiros tamén de calidade e de prestixio, que conforma a Galicia Calidade que queremos”, dixo, subliñando o obxectivo de reeditar en Mar del Plata o éxito do ano pasado en Bos Aires, cando se tivo que incrementar o número de prazas dispoñibles, con máis de 230 asistentes.
Nesta mesma liña resaltou que a comunidade conta con 35 produtos amparados por Denominación de Orixe Protexida e Indicación Xeográfica Protexida, e avalados pola UE pola súa calidade e diferenciación de orixe Galicia. Ademais de ter 11 restaurantes con Estrela Michelín, máis de 20 Bib Gourmand, 35 Soles Repsol e 61 distincións Q de Calidade. “E tres das catro provincias están entre as 20 máis importantes de España pola súa gastronomía”, engadiu.
O presidente da Xunta, que iniciou a xornada do venres cun encontro co Intendente de Mar del Plata, Carlos Arroyo, durante o cal foi nomeado visitante notable, rematará o día cunha visita á exposición Rosalía de José Solla, no Museo de Arte Contemporáneo, e cunha cea coa colectividade galega da cidade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.