Mato reafirma o compromiso da Xunta coa ría de Arousa, na que está previsto investir uns 23 millóns ata 2020

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, explicou no Parlamento galego que desde 2009 xa se teñen mobilizado máis de 55 millóns de euros nesta ría
Publicado por o día 14/12/2016 na sección de Galicia,Vigo,Vilagarcia,Xunta de Galicia

Mato reafirma o compromiso da Xunta coa ría de Arousa, na que está previsto investir uns 23 millóns ata 2020

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa mellora medioambiental da ría de Arousa, un obxectivo no que ten previsto investir uns 23 millóns de euros ata 2020, tal e como figura no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa.

A titular do departamento autonómico, nunha intervención no Parlamento galego, precisou que desde 2009 xa se teñen mobilizado máis de 55 millóns de euros nesta ría, o que permitiu acometer actuacións claves como a EDAR de Ribeira, actualmente en probas, que tivo un orzamento superior aos 19 millóns; as EDAR, xa en funcionamento, do Grove (6,8 millóns), Corrubedo (6,3 millóns), e Ribadumia (8,1 millóns); ou a reparación do emisario de Punta Touro (1,85 millóns).

Este compromiso tamén se reflicte nas contas do departamento para 2017, que consignan máis de 5,4 millóns para distintas actuacións como o colector do río Breiro, en Boiro (2,1 millóns); o saneamento de Rianxo (337.000 euros); a finalización do convenio da EDAR de Ribeira (2,8 millóns); e o saneamento en Olveira (Ribeira), con 100.000 euros.

Mato resaltou, ademais, que todas estas actuacións obedecen a unha planificación rigorosa. A ría de Arousa está formada por 11 concellos, nos que a xestión dos sistemas de saneamento se realiza de xeito independente. Por iso, a Xunta decidiu en 2009 redactar os plans de saneamento locais, nos que investiu uns 3,5 millóns de euros. Esta planificación dividiuse en 5 zonas: dúas na marxe dereita e tres na esquerda. “Foi un traballo complexo, no que se traballou concello por concello cunha perspectiva global”, precisou a conselleira.

Actualmente, grazas ao “intenso traballo” desenvolvido e ao compromiso orzamentario, recóllense as augas residuais de practicamente toda a poboación mediante colectores e bombeos, que teñen á súa disposición 15 grandes estacións depuradoras para o seu tratamento.

En definitiva, concluíu Mato, “o estado das rías galegas, e máis concretamente da de Arousa, ten mellorado nos últimos anos grazas aos esforzos realizados”.