Maurizio Battino acepta o desafío de desenvolver un grupo de investigación internacional e competitivo

Con máis de 20.000 citas, liderará un equipo de catro investigadores
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Maurizio Battino acepta o desafío de desenvolver un grupo de investigación internacional e competitivo

Seriedade, confianza co reitor e un proxecto que paga a pena. Estes son segundo Maurizio Battino os motivos polos que se decidiu a aceptar a oferta da Universidade de Vigo, rexeitando a formulada por outras dúas institucións españolas, para “afianzar e construír un grupo de investigación cada vez máis forte. Gústame o desafío e esa é a principal razón pola que acepto esta proposta”, asegurou este mediodía o bioquímico alimentario na súa presentación ante os medios, un acto no que estivo acompañado polo reitor e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo e por varios integrantes do seu equipo científico. A fichaxe de Battino, que leva catro anos consecutivos no Highly Cited Researchers List (HCR), o Listado das e dos investigadores máis citados, responde segundo o reitor a unha clara aposta da institución polo talento de alto nivel, “talento chama a talento e no ámbito da alimentación somos dos mellores do mundo”, asegurou Reigosa, que tamén incidiu na importancia da internacionalización dos grupos a través da incorporación de integrantes de distintas procedencias. Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación recordou que “con máis de 20.000 Maurizio Battino é un dos investigadores máis citados”, ao tempo que se referiu á captación de talento como “a clave do éxito”.

O novo grupo de investigación que dirixirá Maurizio Battino terá o seu lugar de traballo nun laboratorio do edificio de Citexvi e estará integrado polo bolseiro Ramón y Cajal Miguel Ángel Prieto, recentemente retornado de Bragança; a científica cubana que se incorpora á Universidade de Vigo cunha axuda Juan de la Cierva, tras acadar a mellor cualificación de España, Tamara Forbes Hernández; a bolseira postdoutoral da Xunta Patricia Reboredo Rodríguez, que xa traballara con Battino en Ancona e a estudante de doutoramento Antía González Pereira. “Nas vindeiras próximas semanas ou meses agardo a incorporación de máis pre ou postdocs. Xente que quere aceptar este desafío e non só de Vigo, porque queremos construír un grupo internacional”, explicou Battino, que na súa presentación lembrou as orixes galegas do pai da súa muller, razón pola que xa coñecía Galicia, “e tamén as mariscadas”, dixo en broma o investigador, antes de incorporarse á Universidade de Vigo.

Demanda de “forte apoio” por parte das administracións local a autonómica

Battino, que agradeceu a confianza que lle outorga a institución, referiuse a dificultade que entraña manterse ano tras ano no HCR, “un mérito da xente coa que traballo”, dixo o bioquímico, que non agochou a súa pretensión de que nuns anos algún dos integrantes do seu grupo poida tamén ter presenza no Highly Cited Researchers List. Non obstante, para o investigador italiano o éxito da tarefa que agora emprende non depende só da Universidade de Vigo e por iso “espero que a sociedade de Vigo e Galicia apoie forte este proxecto e o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia sexan sensibles á investigación deste grupo. Necesitamos soporte económico e político e por parte das autoridades locais debe haber facilidades ao principio ata que poidamos amosar que estamos á par con outros grupos”, dixo Battino, que lembrou que un grupo de nova creación está en clara desvantaxe respecto doutros máis antigos cando concorren a convocatorias. Aínda así, Battino dixo estar disposto a demostrar que “o investimento da Universidade de Vigo pagou a pena”.

O científico italiano referiuse á importancia do seu campo de traballo, asegurando que a “nutrición é máis importante que a big pharma, xa que nos alimentamos todos os días, desde que nacemos ata que morremos, mentres que os fármacos os utilizamos de xeito ocasional”. Ademais de destacar a “construción de alimentos saudables e agradables e con valor engadido, como principais procuras da produción alimentaria”, Maurizio Battino lembrou a gran tradición alimentaria de Galicia “o que nos fai pensar en futuros desenvolvementos de modernización e desenvolvemento sostible”, explicou.

Captación de talento: o xeito de acadar masa crítica e seguir nos ránkings

Co gallo da presentación pública de Battino, tanto o reitor, como a vicerreitora de Investigación incidiron na aposta que está a realizar a Universidade de Vigo pola captación e retención de talento excelente porque “é o xeito de acadar masa crítica e seguir nos ránkings”, sinalou Belén Rubio, que amosou o seu convencemento en que o novo grupo liderado polo bioquímico italiano acadará éxitos nas convocatorias, tanto nacionais, como internacionais.

Pola súa banda, Manuel Reigosa, ademais de reiterar a aposta da Universidade pola captación de talento de primeiro nivel, tamén destacou a importancia de internacionalizar os grupos de investigación “non só dando clase e falando en inglés entre eles, senón tamén incorporando persoas con distintas procedencias e diferentes bagaxes”, explicou.