Os resultados provisionais da votación faranse públicos mañá, antes das 19.00 horas. Os definitivos coñeceranse o sábado 20 de agosto.
O sistema de Agora Voting, elixido para desenvolver as votacións das primarias de En Marea para a candidatura ao Parlamento de Galicia, conta coas máximas garantías de limpeza e seguridade. Trátase dunha plataforma de voto electrónico, con anos de experiencia contrastada, que emprega diversos sistemas de cifrado e control para evitar erros e posibles fraudes. O reconto será realizado por dúas entidades certificadoras independentes e o resultado final contará co aval do Comité Electoral.
Cada votante é identificado polo seu documento de identidade e polo seu número de teléfono, no que recibe unha mensaxe cun código que lle permite exercer o seu sufraxio. Mentres estea aberto o prazo, o sistema permite acceder de novo para corrixir erros ou cambiar o voto, pero só conta como válido o último emitido.
As persoas poden acceder ao sistema de voto desde dous puntos de inicio: directamente Agora Voting ou a través da web de Podemos, pero independentemente do sistema de inicio elexido, o voto efectúase nunha única plataforma de Agora Voting. Por iso, aínda que se vote varias veces, só conta o último sufraxio emitido.
Os votos están encriptados desde o mesmo momento no que a persoa os envía. Isto garante a súa confidencialidade e proporciona unha serie de datos adicionais que permiten detectar posibles fraudes coma o sufraxio masivo con identidades falsas: IP, horas de votación, ubicación e outros parámetros. Con esta información, dúas entidades auditoras independentes, que non pertencen a Agora Voting nin a ningunha das partes que concorren ás primarias, coidan a limpeza do voto.
O peche do prazo de participación será hoxe as 23.59h. O reconto comezará mañá, 1 as 9.00h. Unha vez pasados os algoritmos de supervisión, os resultados en bruto serán revisados polo Comité Electoral, tal e como está previsto no regulamento de primarias, para que as candidaturas definitivas das catro provincias respecten a paridade de xénero.
Os resultados provisionais faranse públicos mañá, venres, a partir das 19.00h. Abrirase entón un prazo de reclamacións e o sábado 20 de agosto daranse a coñecer as candidaturas definitivas.
Cómpre aclarar, tamén, que o censo de participantes nas primarias está pechado desde o martes 16 de agosto ás 23.59h. Porén, como parte do acordo que permitiu a incorporación de Podemos Galicia ao espazo político de En Marea, mantense a posibilidade de que as persoas que estaban inscritas no censo das primarias de Podemos -pechado o 4 de agosto- participen agora neste proceso. O requisito para facelo é que cada persoa, de xeito individual, acepte que os seus datos pasen a formar parte do censo de En Marea, ademais de asumir os principios básicos e o manifesto dos alcaldes.
Noticias de última hora en Vigo