MdV cualifica como “atentado cultural” o cambio de modelo do M.A.R.C.O. ao producir o seu inevitable desmantelamento

Rubén Pérez: “É preciso repensar o modelo cultural de Vigo, é aí onde se expresa o desenvolvemento da cidade. Entender que un espazo concibido para a arte contemporánea é o espazo para as ocorrencias dun alcalde pode supoñer a maior perda cultural de Galicia dos últimos anos”
Publicado por o día 15/02/2018 na sección de Marea Vigo,Política

MdV cualifica como “atentado cultural” o cambio de modelo do M.A.R.C.O. ao producir o seu inevitable desmantelamento

O grupo municipal da Marea de Vigo vén de ofrecer hoxe unha rolda de prensa sobre a situación do museo M.A.R.C.O. tras a recente dimisión da que era a xefa de exposicións, Agar Ledo, e do rexeitamento dun colectivo de artistas á participación nun evento promovido polo goberno local. A este respecto, Xosé Lois Jácome, manifestou o apoio do grupo :“queremos expresar a nosa adhesión e solidariedade co colectivo de artistas que rexeitaron participar na mostra ‘Metropoli’, coincidindo plenamente co seu comunicado. O acontecemento non é mais que un intento de acalar as voces discrepantes co cambio de modelo sobre o MARCO, cambio que vai supoñer a liquidación do proxecto cultural do museo con máis visitas da nosa cidade”.

Pola súa banda, Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal lembra que “tanto o traballo de Agar Ledo como o de Iñaki Martínez no M.A.R.C.O. contra o `ninguneo’ das administracións foi encomiable. Non podemos esquecer que a Xunta de Galicia tamén negouse a participar no M.A.R.C.O., empoderando a Abel Caballero coa súa teoría de ‘quen paga, manda’. Se as outras administracións colaborasen, a correlación de forzas sería diferente e a composición do padroado tamén.”

Marea de Vigo concorda con todas as demandas do colectivo de artistas no seu comunicado, “a autonomía de xestión, a convocatoria da praza de dirección por concurso público, e que as persoas responsables públicas asuman un código de boas prácticas para a xestión cultural do museo resultan demandas fundamentais” engade Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

En canto as declaracións de Abel Caballero sobre o futuro do M.A.R.C.O., Rubén Pérez afirma que “discrepamos da lectura simple que di que a arte contemporánea é elitista e que os vigueses e as viguesas non poden desfrutar dela. Isto supón unha banalización da cultura que non estamos dispostos a asumir. O concepto de aforro que vén de expoñer o alcalde sobre a contratación da dirección do museo non é máis que outro exemplo desta banalización”.

Marea de Vigo reitera a súa petición sobre a creación do Consello da Cultural da cidade, onde sexa a xente do sector cultural quen opine en lugar das e dos políticas/os, que deben ser quen de asumir a proposta.Para Marea de Vigo, esta é unha reflexión que supera o ámbito político,sendo unha reflexión sobre o modelo de cidade, pensamento e cultura da mesma. É precisamente en materia de cultura onde se ven os grandes cambios e o desenvolvemento das grandes urbes europeas.