Medicina Interna do HULA liderou o grupo de traballo para a aplicación do Telea na Comunidade autónoma a pacientes con insuficiencia cardíaca crónica

TELEA posibilita que cada paciente crónico poida medir no seu domicilio, de forma regular e autónoma, as súas variables e rexistrar os resultados directamente na plataforma, onde o profesional sanitario responsable do seu control pode visualizar e monitorizar eses datos e comunicarse co paciente
Publicado por o día 20/10/2017 na sección de Galicia,Lugo,Sanidad

Medicina Interna do HULA liderou o grupo de traballo para a aplicación do Telea na Comunidade autónoma a pacientes con insuficiencia cardíaca crónica

O Hospital Universitario Lucus Augusti ten implantado o TELEA para o seguimento domiciliario de pacientes crónicos con insuficiencia cardíaca, que son monitorizados no seu domicilio e seguidos de xeito pormenorizado polo Servizo de Medicina Interna do Hospital Universitario Lucus Augusti. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, desprazouse hoxe a Lugo, onde coñeceu os primeiros resultados deste plan de seguimento a través do TELEA na provincia de Lugo.

O proxecto piloto de implantación do TELEA foi desenvolvido entre o Servizo de Medicina Interna do HULA e o centro de saúde de Illas Canarias. Forma parte dun grupo de traballo liderado polo Servizo de Medicina Interna do HULA e polo doutor Emilio Casariego Vales, que desenvolveron todo o proceso de seguimento dos pacientes crónicos no seu domicilio e que, posteriormente, validou os resultados obtidos co TELEA comparándoos cos da consulta de enfermos crónicos con insuficiencia cardíaca complexa do hospital lucense. O seu traballo e a validación da eficacia da plataforma feita no HULA posibilitou que o TELEA sexa hoxe unha realidade que se pode usar xa en Atención Primaria e Atención Hospitalaria.

Para participar neste grupo de traballo, o Servizo de Medicina Interna do HULA seleccionou un grupo de pacientes crónicos (máis dunha trintena) con insuficiencia cardíaca susceptibles de participar neste programa de seguimento domiciliario da súa patoloxía e con episodios de desestabilización e ingreso frecuentes. Tras varios meses de implantación do TELEA, o Servizo de Medicina Interna do HULA comparou os resultados obtidos mediante este programa cos dos pacientes que non tiveran seguimento no seu domicilio a través de TELEA.

Segundo explicou na presentación dos resultados o xefe de Servizo de Medicina Interna do HULA, Emilio Casariego Vales, as primeiras avaliacións realizadas constatan que o TELEA permitiu reducir nun 75% o ingreso hospitalario destes pacientes por episodios de descompensación/desestabilización, así como reducir a media de atencións que precisaron no Servizo de Urxencias, ao resolvérselle o seu proceso no domicilio.

Así pois, esta plataforma permitiu minimizar o número de ingresos hospitalarios de pacientes en seguimento de insuficiencia cardíaca a través de TELEA, e tamén a duración de ditos ingresos en caso de producirse, así como reducir o número de visitas a urxencias de pacientes en seguimento con TELEA. Outras vantaxes observadas refiren que nos pacientes seguidos co programa TELEA se incrementaba o tempo entre ingresos, e mesmo o tempo de supervivencia. Tamén permitiu diminuír a ansiedade e mellorar a comunicación do usuario e da súa familia cos profesionais, establecendo novas canles de comunicación entre os pacientes e coidadores e os profesionais sanitarios de atención primaria e atención hospitalaria.

Estes resultados de aplicación do TELEA en Lugo constatan, pois, que dita plataforma de traballo permite mellorar substancialmente a calidade de vida do paciente con insuficiencia cardíaca. Trátase, polo tanto, dun dispositivo sanitario que se orienta á prevención en saúde, á vixilancia e ao seguimento destes pacientes, facilitándolles unha nova canle de acceso aos servizos sanitarios que precisan.

Froito destes resultados, o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, anunciou que o HULA está a traballar nestes momentos no desenvolvemento de novos proxectos de teleasistencia para a estensión deste programa a outras áreas hospitalarias e centros de Atención Primaria da área sanitaria. Nunha segunda fase estenderase o seu uso aos hospitais de Burela e Monforte de Lemos e centros de saúde de referencia dos mesmos. Neste senso, Ares Rico anunciou que o TELEA se estenderá en breve a pacientes da área de Hospitalización a Domicilio (HADO), así como a pacientes crónicos do Servizo de Pneumoloxía e a pacientes crónicos de Xeriatría, entre eles a ingresados en residencias sociosanitarias.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou que o TELEA é unha das grandes apostas do Servizo Galego de Saúde para conseguir unha abordaxe integral da cronicidade na atención primaria e hospitalaria grazas ao uso das novas tecnoloxías. “Os novos retos asistenciais, a mellora no prognóstico de enfermidades agudas, o incremento de pacientes crónicos, o aumento da supervivencia… obrígannos a innovar e a implantar novas solucións asistenciais máis eficientes que acerquen a asistencia aos pacientes e melloren a súa calidade de vida”, apuntou.

Neste senso, dixo que o Servizo Galego de Saúde ten entre os seus obxectivos avanzar cara un modelo de atención primaria máis proactivo, orientado á atención da cronicidade, e implementando as novas tecnoloxías para achegar a pacientes e profesionais.

O máximo responsable da Sanidade en Galicia felicitou a todos os profesionais “por promover proxectos de innovación que están a transformar a asistencia sanitaria para mellorar a calidade de vida dos nosos pacientes” e, especialmente, ao Servizo de Medicina Interna do HULA e ao persoal do centro de saúde de Illas Canarias, que “co seu traballo e implicación no proceso de validación e mellora desta plataforma posibilitaron que o TELEA sexa hoxe unha realidade que se pode usar xa en Atención Primaria e Atención Hospitalaria”.

Vázquez Almuiña visitou, posteriormente, o Hospital de Día Médico-Polivalente do HULA para comprobar in situ o funcionamento do TELEA que está a pilotar o Servizo de Medicina Interna do HULA en coordinación con Atención Primaria, en concreto, co centro de saúde de Illas Canarias.

Contacto directo entre usuario e profesional

Neste senso, dixo que o Servizo Galego de Saúde ten entre os seus obxectivos avanzar cara un modelo de atención máis proactivo, orientado á atención da cronicidade, e implementando as novas tecnoloxías para achegar a pacientes e profesionais.

TELEA é unha plataforma que permite implantar un modelo de control teleasistido do paciente crónico dende atención primaria en coordinación con atención hospitalaria. Os pacientes crónicos poden solicitar a inclusión no programa. Unha vez rexistrados, poden medir no seu domicilio de forma regular e autónoma as súas variables (tensión, glucemia…) e rexistrar os resultados no programa. Todos os datos son rexistrados automaticamente na súa historia clínica electrónica.

O profesional sanitario responsable do seu control poderá visualizar e monitorizar esas constantes na historia clínica do paciente e comunicarse co el ou o seu coidador se fose necesario. A comunicación poderá realizarse por vía telefónica, videoconferencia ou mesmo presencialmente. Segundo a situación do paciente, levaranse a cabo as actuacións necesarias para restaurar a normalidade e previr recaídas ou reagudizacións.

As funcionalidades da plataforma TELEA permiten aos profesionais ter unha actitude proactiva no seguimento do paciente, dando una resposta rápida e personalizada en caso de alteración da patoloxía de base e posibilitan establecer niveis de control personalizados en función das necesidades clínicas, sociais ou funcionais de cada paciente. Ademais fomenta o contacto co paciente no seu propio domicilio, evitándolle desprazamentos inncesarios e episodios de reagudización ou desestabilización da súa enfermidade.