Medio Ambiente achega o contido da Guía de cor e materiais aos profesionais de Pontevedra ligados á arquitectura e ao urbanismo

A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, inaugurou esta mañá en Vigo unha das catro xornadas provinciais de presentación da guía, na que participaron arredor de trinta persoas
Por o 08/02/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra
Medio Ambiente achega o contido da Guía de cor e materiais aos profesionais de Pontevedra ligados á arquitectura e ao urbanismo

A directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Inés Santé, inaugurou esta mañá en Vigo a segunda das xornadas de presentación da Guía de cor e materiais de Galicia coas que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pretende achegar o contido deste documento a un amplo abano de profesionais ligados ao mundo da arquitectura, o urbanismo e o paisaxismo nas catro provincias.

Tres membros do equipo redactor da guía encargáronse de facer unha presentación técnica ante preto de trinta persoas, maioritariamente arquitectos e técnicos municipais da área de urbanismo de toda a provincia cun interese profesional por coñecer en detalle o contido do documento. A xornada rematou cun debate aberto e os participantes puideron plasmar as súas impresións sobre distintos aspectos da Guía de cor e materiais a través dunha enquisa interactiva.

No marco da Estratexia da Paisaxe Galega, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, elaborou unha Guía de cor e materiais que ten por finalidade proporcionar uns criterios e directrices técnicas obxectivas para a regulación do emprego da cor e os diferentes tipos de revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas, rururbanas e rurais das doce grandes áreas paisaxísticas en que se divide a comunidade autónoma.

O documento, presentado publicamente a finais de outubro como unha ferramenta nova para loitar contra o feísmo, constitúe un primeiro paso co que se pretende recoller o parecer de diferentes sectores públicos e privados para avanzar na conformación final da guía, así como concretar o alcance normativo que finalmente vai ter, na procura do maior consenso posible.

Por ese motivo, o Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, están a organizar varias xornadas sobre a Guía de cor e materiais de Galicia abertas a todos os profesionais e cidadáns interesados nela. Tras a presentación de hoxe en Vigo e a realizada o pasado luns en Arteixo, as dúas próximas xornadas provinciais están previstas para o vindeiro 19 de febreiro en Ourense e o 23 de febreiro en Lugo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.