Medio Ambiente agarda empezar a retomar a actividade nos parques naturais da Coruña e Pontevedra a próxima semana

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repasou cos delegados territoriais da Xunta en ambas provincias e os máximos responsables da xestión destes espazos naturais os traballos de conservación acometidos durante o estado de alarma nas Fragas do Eume, no Complexo Dunar de Corrubedo e no Monte Aloia
Publicado por o día 07/05/2020 na sección de A Coruña,Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra,Xunta de Galicia

Medio Ambiente agarda empezar a retomar a actividade nos parques naturais da Coruña e Pontevedra a próxima semana

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia cos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, para informalos dos traballos de conservación e mantemento de espazos naturais acometidos durante o estado de alarma e avanzarlles que a próxima semana prevese empezar a retomar a actividade normal nos parques naturais localizados en ambas provincias.

Deste xeito e de confirmarse que Galicia entra a partir do 11 de maio na seguinte fase no proceso de reactivación, Vázquez Mejuto trasladoulles aos delegados que podería reanudarse a actividade nos parques naturais galegos, tamén de cara ao público. Esta reapertura afectaría no caso da provincia da Coruña ás Fragas do Eume e ao complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, e en Pontevedra, ao Monte Aloia.

Neste sentido, a conselleira aproveitou a xuntanza para insistir na importancia de que o Goberno do Estado clarifique canto antes determinados aspectos a ter en conta para poder retomar progresivamente a normalidade nestes espazos públicos e nos centros de interpretación vencellados aos mesmos, como poden ser o número de visitantes permitidos ou as franxas horarias. De feito, lembrou que onte mesmo remitiu unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para pedirlle que aclare como vai afectar a seguinte fase aos accesos ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

En todo caso, Ángeles Vázquez subliñou que durante todo o estado de alarma seguiuse a traballar a porta pechada co fin de manter estes espazos en perfecto estado de conservación, sinalización e limpeza para garantir que chegaran en perfectas condicións ao momento da súa reapertura.

Así, tal e como detallaron os responsables da xestión dos parques naturais en ambas provincias que acompañaron á conselleira durante a videoconferencia, no caso da Coruña procedeuse a desbrozar 1,87 hectáreas, así como á realización de traballos de retirada de árbores, tarefas de sinalización e de limpeza da contorna.

Concretamente, no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán os traballos foron realizados por unha cuadrilla de tres traballadores, que entre os meses de marzo e abril, procederon ao desbroce de máis dunha hectárea na entrada principal do parque, na zona traseira do centro de interpretación, na zona de entrada á praia do Vilar e en varias pistas. Tamén realizaron tarefas de limpeza nas praias de Ladeira, Bocana e Vilar, recollendo 400 bolsas de lixo cun volume de 20.000 m3.

En canto aos traballos realizados no Parque Natural das Fragas do Eume, concentráronse en abril, procedendo ao desbroce de 0,68 ha na zona de Xunqueira de Abaixo, no camiño dende Xunqueira ata Caaveiro, no centro de Monfero, así como na limpeza de áreas recreativas, nunha superficie de 700 m2.

Os catro operarios que formaban a cuadrilla de mantemento en Fragas do Eume tamén procedeu coa corta da herba en 0,4 ha, coa retirada de madeira presente na estrada a Monfero e tamén arrincaron exemplares de crocosmia, unha especie exótica invasora, presente en Xunqueira de Abaixo e outras zonas.

Así mesmo, trasladoulle ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra que no caso do Parque Natural do Monte Aloia, o único espazo con este nivel de protección da provincia, os traballos de conservación e mantemento realizáronse este mesmo mes. En concreto, realizáronse desbroces e rozas naquelas zonas nas que se rexistra máis maleza, corta de herbas, retirada de madeira e árbores caídas que poidan estar bloqueando os camiños, así como tarefas xerais de limpeza dos hábitats do parque e mellora da sinalización actual.

Por todo o exposto, a conselleira de Medio Ambiente agradeceu o traballo realizado por estes efectivos durante o estado de alarma declarado para facer fronte á crise sanitaria do COVID-19 co fin de manter e conservar os valores naturais que atesouran os parques naturais. Neste sentido, incidiu na necesidade de manter un mínimo de actividade nestas zonas, cun grupo reducido de axentes que proseguiran coa execución de tarefas imprescindibles para garantir a conservación, vixilancia e mantemento dalgúns dos espazos de maior riqueza natural da comunidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.